Pobre Valeria Quer

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

OPINIÓN

15 oct 2019 . Actualizado ás 18:25 h.

As imaxes dino. Din que Valeria Quer, desesperada, corre cara á súa nai para que non fale máis, corre para que non conte máis, para que non volva saír nos medios a airear os seus trapos sucios, para que non faga máis círculos diante dos micrófonos. Valeria non quere focos e menos para volver sacar á luz os malos rolos dos seus pais. Dá igual se os tiñan antes, dá igual se non se soportan agora, dá igual se hai denuncia, porque nin sequera nesas circunstancias terribles, Valeria Quer quere atención, non ese pegañento interese que desangra unha ferida que non ten cura. A traxedia da súa irmá Diana non foi golpe suficiente como para pór calma a unhas augas que, de lonxe, sempre se viron turbias, nun lodo que envolve os peores sentimentos, que arrastran odio e que nin a dor máis profunda conseguiron amainar.

O infortunio dos Quer provoca nestas circunstancias unha desazón infinita: saber que a desesperación polo asasinato dunha filla é un monstro que desfai o corazón e azouta con forza para sempre. Non hai acougo nin paz. Nin hai compaixón cara aos ollos de Valeria. Diana tivo mala sorte. Valeria ten a mala sorte de que nin sequera a morte da súa irmá puido erradicar o odio dos seus pais nin conseguiu a harmonía dun amor entregado á súa filla viva. Pobre Valeria Quer.