Cruceiro de luxo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Óscar Vázquez

11 oct 2019 . Actualizado ás 00:35 h.

Visto desde o balcón, non parece unha trapallada. Só é unha parte máis da paisaxe diaria. Sentas a tomar esa copa de viño que presta no solpor e velaí está o barco coma un zombi. Aínda non se albisca que é un cruceiro de luxo, só se ven as luciñas dos soldadores durante a noite, e o rumor constante ao que xa nos afixemos quen non vivimos en primeira liña de praia, senón de mar, e sabemos a que ole o estaleiro. Ole ás sirenas do cambio de quenda, aos homes que saen en marea e aos que entran cos seus monos azuis nun atillo onde vai o bocata envolto en papel de aluminio. Pero así visto desde o balcón, entre as flores dos xeranios, hai algo que ole a podre do outro lado. Intúese a palabra «luxo» enferruxándoo todo con sospeitas desde o momento en que interveñen algúns políticos. Evidentemente, a eses o que saben de barcos vénlles de pouco máis ca da excursión anual ás Cíes na escola dos seus fillos, así que o cheiro a podre de Barreras que traspasa a rúa e a ría e que chega ás nosas tranquilas casas de cidade industrial ten as mesmas notas aromáticas da cobiza que adoita contar persoas que traballan coma números, e os mesmos restos no nariz dos intereses escuros de empresas situadas fóra de Galicia que prefiren beber aceiro fundido antes ca falar dun convenio. Pero, por suposto, mesmo os meus xeranios saben que Barreras é só a punta dun iceberg que agocha a deslocalización empresarial, a fuxida dos espazos con control ecolóxico e laboral e os intereses persoais de quen deberían velar polos intereses das persoas. En fin, esas cousas polas que cada vez hai máis xente que pode pagar o que custará a viaxe no cruceiro de luxo que seguen facendo aí enfronte, mentres alén das illas estalou a tormenta.