Identidade porcina

OPINIÓN

MONICA IRAGO

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A ONU recomenda a redución do consumo de carne, Alemaña sóbelle o IVE ao produto e o porco ponse aquí polas nubes pola boca xigante de China, que seica sofre unha epidemia de peste porcina e apaña todos os bacoriños que pode. Nestas subas sempre perden os pobres. Con todo, resulta difícil pensar que nós poidamos prescindir dun animal que tanto dá e do que se aproveita todo, mesmo o sangue. Gústame pensar que a suba de impostos se destine como ingresos adicionais para bonos de benestar animal e para a promoción de etiquetas que certifiquen como foron criados e sacrificados os animais. Se hai que salvar o planeta, o porco tamén se saberá sacrificar. É un animal ao que sempre lle tiven certa querenza, non só pola súa carne senón tamén porque forma parte emocional do meu pasado. De neno, cando ía á aldea, o porco case era un máis da familia. As cortes estaban ao carón da cociña e os gruñidos mesmo parecían formar parte das nosas conversas. Iso si, o inverno traía a matanza, unha festa para todos agás para min, que non aturaba as queixas do animal no momento da morte, nin tampouco o ritual de o queimar coas pallas, algo que durou ata o día en que o meu pai levou o soprete e rematou coa tradición. Sabemos que unha boa parte da industria cárnica non pensa no benestar do animal nin no medio ambiente, nin na saúde pública nin tan sequera na dos seus traballadores. Pero talvez nós, se temos cartos dabondo, poidamos corrixir iso no supermercado cando collamos os lombos ou o xamón e comprobemos que a súa vida foi tan digna coma a dese porco que se cría na casa e que, aínda tendo un destino fatal, ten certa identidade porque leva outra alimentación, vive máis meses e morre para quedar en nós, no fin de contas, a súa familia.