«Habemus praeses»

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

21 ago 2019 . Actualizado ás 09:12 h.

É tan pouca a prema que ten Pedro Sánchez por acadar acordos para continuar na Moncloa que tivo que ser Unidas Podemos quen teña dado o primeiro paso para recuperar o tempo perdido. O presidente, que situara o prazo de dous ou tres semanas para retomar os contactos, vai ter que dedicar un par de horas a lerse o documento de cen páxinas que onte lle fixeron chegar.

Tampouco necesita máis tempo porque as opcións que lle presentan parecen, pese ao rexeitamento inicial dos socialistas, encaixar coas súas esixencias. Aceptada, como xa fixeron no anterior intento, unha vicepresidencia para Irene Montero, con Dereitos sociais e Igualdade, a exclusión do Ministerio de Traballo nalgunha das catro opcións de UP pode deixar o camiño aberto para a alianza. Todo o demais, tamén as novas cargas fiscais e o da mesa para Cataluña, é negociable.

Pero é que ademais, neste tempo de descanso, o presidente Sánchez terá tido ocasión de meditar sobre os perigos dunha repetición electoral. Terá analizado con calma resultados de municipais e autonómicas onde os socialistas foron primeira forza e non logran gobernar, polo acordo do tridente ultra. E terá percibido o cansazo do electorado ante unha nova consulta e o clamor xeral por unha rápida formación de Goberno.

Sánchez e Iglesias están condenados a entenderse. Aínda coa necesidade de contar con formacións menores. Por moito que se empeñen en criticarse e en asegurar que xa non existe unha confianza mutua. As clases dirixentes téñennos acostumados recuperala en cuestión de minutos. Por iso a proposta de onte antóllase o bastante aberta como para servir de arranque da nova negociación. E dun acordo que acabe coa fumata branca e o consabido habemus praeses, que é o mesmo que dicir temos presidente.

Calquera outra saída non faría máis que manifestar a cerrazón e altanería dun presidente ao que todas as apostas ata agora fóronlle favorables. Pero el tamén sabe que todo ten un límite.