E despois de Pantoja, que?

Mónica Pérez
Mónica Pérez TI VERÁS

OPINIÓN

28 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Rematada unha edición de Sobreviventes que bateu todas as marcas de audiencia e no ambiente queda unha pregunta. E despois de Isabel Pantoja, que? Hai vida despois da participación da tonadilleira no reality de Telecinco? Que vai facer agora a cadea para manter uns datos que lle permitiron mesmo coller aire a Catro, cunha cota de pantalla en mínimos?

Pois a gran baza de Telecinco é que nunca deixa de sorprender, sempre ten un as na manga. Jorge Javier Vázquez adiantou que xa preparan unha nova edición de GH VIP, para a que xa soan nomes como Mila Ximénez (que cobraría un avultado soldo segundo), ou os de Kiko Jiménez ou Gloria Camila, unha xa exparella que, casualmente, romperon só uns meses antes de que comece o programa. Pensen mal e acertarán.

A min cústame crer que se poidan repetir unhas cifras tan altas, que case lembran a cando a chegada da TDT non multiplicara as canles (que non se nin cantos hai en total) e fragmentado ao máximo as audiencias.

Menos mal que o idilio de Telecinco e Isabel Pantoja acaba de comezar e pronto a veremos como xurado nun concurso de talentos, aínda que, todo hai que dicilo, de ningunha maneira esperta tanto morbo como vela sen maquillar e pasando fame en Honduras.