«Pór o corno»

Javier Guitián
Javier Guitián EN OCASIÓNS VEXO GRELOS PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

nature

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando boa parte da poboación estaba preocupada polo efecto das radiacións producidas polos teléfonos móbiles, agora resulta que un mal maior nos axexa. Como contaba La Voz, varias persoas chegaron á consulta do seu médico nos últimos días preguntando se, realmente, poderían ter un «corno» na cabeza.

 Ao parecer, un investigador australiano alertou do «corno», tras analizar mil duascentas radiografías de cranios atopando, ademais, que a prevalencia era maior nos mozos que nos adultos. Esta protuberancia occipital é un caso de exostosis, un crecemento anormal dun óso, que se atribúe ás reiteradas posturas que utilizamos cos dispositivos das novas tecnoloxías.

Vexamos. A expresión «pór os cornos», en referencia ás infidelidades, ten unha orixe incerta. Afírmase que o cornudo é o que se decata o último de que lle están sendo infiel. Xa que logo, a orixe desta expresión é atribuído ao animal que leva cornos e que non llos ve porque están amais da cabeza. Outras explicacións fan referencia ao dereito de pernada dos xefes viquingos que colgaban os cascos con cornos na porta das súas tendas mentres abusaban das mozas da aldea, e, mesmo, á orixe do Minotauro cando Pasíifae tivo relacións co touro de Creta.

Sexa como sexa a cuestión, esta nova protuberancia é de gran utilidade para actualizar a nosa linguaxe aos novos tempos. Así, permitiríanos acuñar a expresión «pór o corno» que sería algo así como pór os cornos, pero cun dispositivo móbil. Ata onde eu sei non tiñamos ata hoxe unha expresión atinada para cando alguén é cazado nunha infidelidade a través do móbil, redes sociais, etcétera.

En calquera caso, a aparición do corno exponnos enigmas fascinantes. Ata agora o maior atopado ten unha lonxitude de tres centímetros, que non é pouco, pero non sabemos se é un apéndice de crecemento limitado ou pode seguir aumentando o seu tamaño; pensen que, se chega a dez centímetros, por exemplo, a cousa empezaría a complicarse.

Tampouco coñecemos se cada individuo ten un corno que lle identifica, algo así como unha pegada occipital, ou se todos os cornos serán máis ou menos iguais. Ignoramos se o noso novo apéndice faranos máis ou menos atractivos ante os demais, cuestión non baladí e, sobre todo, se a morfoloxía do corno depende do tipo de móbil.

Para os galegos a utilidade da protuberancia é obvia. Se lembran outrora os paisanos colgábanse o paraugas na parte de atrás da chaqueta. Pois ben, a aparición dunha protuberancia occipital podería facilitar o transporte do paraugas, algo vital en Galicia, utilizándoa como colgador.

No meu caso, un galego que leva tocándose a cabeza toda a tarde, benvido sexa o corno, aínda que lles confeso que me intriga que novas sorpresas resérvanos o corpo humano.

MÁIS INFORMACIÓN