Divagaciones estivais

Eduardo Riestra
Eduardo Riestra TERRA DE NINGUÉN

OPINIÓN

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Antes, ao cambio climático chamábaselle quecemento global, pero esa expresión estorbaba moito aos Estados Unidos (a China e a Rusia dáballes o mesmo). E con todo, como o tempo é teimoso, o pasado xuño rexistrouse como o mes máis caloroso do mundo desde que se teñen rexistros, -sen contar os da Biblia, é dicir, sen ter en conta o diluvio universal nin os sete anos de vacas fracas-.

No cambio climático, a chegada do home á lúa e a morte de Juan Gabriel hai xente que non cre. Tampouco na redondez da terra. Algúns como a deputada socialista por León, Susana Ros, compaxinan o seu negacionismo coa política e a min paréceme ben, porque no Congreso deben estar representados todos os españois. Pero o termómetro, que non é de esquerdas nin de dereitas, móstrase terminante. Se seguimos así, nuns centos de séculos, poucos, a vida humana extinguirase do planeta e as bacterias terán que volver empezar de cero, xa saben: a vida no mar, arrastrarse á beira, volverse diplodocus... un longo camiño para chegar de novo a Pedro Sánchez e ao señor Pablo. De feito só se salvarán os mormones, que cando morren vanse vivir ao planeta Kolob onde xa vive, xunto a Deus e o seu fillo, o incrible Joseph Smith, inventor no século XIX dos tirantes e as barbas de chiba.

Daquilo saíu a película da nena testemuña con Harrison Ford, que é un actor case tan guapo como ese que, ao final do caloroso verán, será presidente do Goberno.