27 anos no Consello de Contas

Antonio Meana González EN LIÑA

OPINIÓN

22 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Desenvolvín a miña vida laboral primeiro como xestor e despois ao servizo do control da Administración da comunidade autónoma no Consello de Contas.

Iniciei esta andaina en abril de 1975 como funcionario interino do antigo Instituto Nacional de Previsión (INP) con destino tanto na delegación provincial como en axencias comarcais. O desempeño de xefe da Axencia de Santa Marta de Ortigueira permitiume confirmar a responsabilidade e razón de ser do funcionario público ao servizo da sociedade. Máis tarde como administrador do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos participei na posta en funcionamento e posterior consolidación dun hospital que foi modelo recoñecido publicamente de xestión e resultados entre os hospitais do seu tamaño.

En 1991 transfírese o Insalud e adscríbelleme ao Sergas. En xaneiro de 1992 tomo posesión no Consello de Contas de Galicia como técnico de auditoría, posto no que permanezo o resto da miña vida laboral, o que supón un envorco no meu labor pasando de tarefas de xestión a tarefas de control.

Nestes anos puiden comprobar como a institución evolucionou positivamente acadando un recoñecemento tanto do Parlamento de Galicia, destinatario dos nosos informes de auditoría, como da sociedade en xeral. Non queda dúbida de que o noso traballo tivo a difusión e notoriedade suficiente para mellorar a xestión pública. Destacou neste labor o gran capital humano que presta servizos nesta institución. A pesar da súa profesionalidade e ilusión inicial, a falta de expectativas de crecemento profesional e desenvolvemento da súa carreira profesional fai que se atope actualmente sen mellores perspectivas vendo que o seu traballo non ten a compensación profesional adecuada.

Na miña opinión, desde o principio, o Consello de Contas sempre loitou polas boas prácticas e bo funcionamento da Administración, mostrando aquelas actuacións irregulares e prácticas inadecuadas que poderían facilitar posibles casos de corrupción, e recomendando nos informes as medidas a tomar para evitalas. Soamente as reservas do poder político a ser corrixido e emendado por unha institución de control, como é o Consello de Contas, evitaron un maior eco e sanción dalgunhas condutas e uns resultados máis efectivos. O labor do Consello foi moi eficaz nestes anos na tarefa de concienciación á Administración da necesidade e obrigatoriedade de render as súas contas e é notorio neste sentido o avance no cumprimento da legalidade desde o inicio de actividades do Consello.

En agosto de 2015, coa lei de reforma e sen ampliar persoal, ao Consello atribúenselle formalmente funcións específicas para esta loita anticorrupción en colaboración coa Administración pública sendo o único órgano de control en todo o estado español que asume esta competencia. Ao meu xuízo, unha fiscalización como a realizada con recomendacións adecuadamente atendidas polos responsables políticos da xestión fose o mellor antídoto contra a corrupción. Non hai máis que ver informes como a Cidade da Cultura, Formación para ou emprego, Xestión de Ingresos do Sergas, Contratación… para advertir que o Consello de Contas leva alertando contra prácticas irregulares desde o inicio da súa andaina. Agora encoméndaselle a prevención destas prácticas como órgano colaborador da Administración antes que fiscalizador. Eu tómoo como un recoñecemento ao labor fiscalizador realizado e unha oportunidade para ser máis útiles á sociedade.

Unha vez máis, só a experiencia e coñecementos do persoal do Consello é garantía do cumprimento dos obxectivos fixados e responsabilidades asumidas.