Bañarse en Monte Neme: «O conto de catro galegos raritos»

César Casal González
César Casal CORAZONADAS

OPINIÓN

Ana García

16 jul 2019 . Actualizado ás 17:33 h.

Vivimos no ano 148 despois de Marcel. En éraa Proust. E no canto de pórnos como elegantes posuídos a ler os tomos de En busca do tempo perdido, dedicámonos a dilapidar literalmente o tempo e o noso futuro acirrando nas redes sociais que nos bañamos nas balsas tóxicas do monte Neme. Os influencers e instagramers son así. Nada como saltarse os carteis que prohiben o paso e advirten do risco e lanzarse á auga turquesa pero contaminada da antiga mina de wolframio. A polémica vai a máis e por onde a pilles é delirante. Primeiro están os que se queixan de que La Voz de Galicia teña advertido de que facer posados na auga para compartilos nas cadeas da mini fama é un perigo. Que, por favor, non o fagan. Abondou advertir do risco para que decenas puxesen rumbo á balsa. Sucedeu o mesmo hai pouco co repunte que provocou a serie Chernobyl. Salvando obviamente as distancias físicas e de perigo, o éxito dos episodios provocou que centos de instagramers fixesen fotos na zona excluída próxima á central nuclear. Conclusión: nada como advertir do perigo para que o oso vaia lanzado cos ollos pechados ao mel explosivo. En monte Neme, outro tanto do mesmo.

Tras a noticia, os curiosos e fanáticos do risco multiplicáronse. O segundo capítulo da lea de Neme é que os que van e xóganlla, amais fan comentarios dun cerebro digno de Kasparov 5.0: «Bañito mañanero no Monte Neme. Disfrutón. Pélanma as bacterias». E faltaba o culpable, os culpables, neste caso, que, por suposto, somos os galegos. «Nin wolframio nin radioactivo nin nada. Un conto de catro galegos raritos». Paciencia.

Ademais de en Proust, que escribiu que ás veces é necesario e curativo revestirse da inacción, do illamento e do silencio para atopar «a suavidade reparadora e bendita do descanso», temos que pensar con moita fe en Darwin e a súa teoría da evolución. Oxalá exista. Oxalá estes humanos que non pensan, que todo o fan para crerse populares cuns cantos likes ou me gusta ridículos, evolucionen e non se bañen en Neme.

Na vida o perigo chega só. Non hai que buscalo cos ollos tapados e a mente congestionada. Os paus entre as pernas rematan por aparecer, non fai falta lanzarse cara a eles pasados de adrenalina. Dino os médicos: un mergullo en monte Neme é daniño. Como é difícil que algúns aprendan, as autoridades deberían valar a zona e, sobre todo, selar o azul turquesa desas falsas augas idílicas para rematar con tanta bobada.

Máis información