O final destripado dos Lobos

OPINIÓN

26 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Que levante a man quen non se deixou algunha serie a medias despois de que lle haxan destripado a traizón algunha das súas partes máis zumentas. Poida que iso non ocorrese nos vellos tempos da televisión única, cando as revistas aireaban en portada que Chanquete morrera aínda que faltasen varios días para que Pancho xease o corazón de España. Pero nesta época de sobreoferta e picoteo a fidelidade a un título cotízase cara e depende moitas veces da intriga que captura ao espectador ata o final.

Esa cautela parece exclusiva da ficción e non se aplica a outros xéneros. Nos concursos, por exemplo, o tan temido spoiler ten o efecto contrario e fai explotar a audiencia. Así é que as cadeas non teñen medo a sacrificar a emoción desvelando o que vai ocorrer. Os números falan por si mesmos. En xaneiro Pasapalabra fixou día e hora para que Fran González gañase o rosco e, lonxe de escorrentar ao público, marcou o seu máximo histórico. Algo parecido sucederalle ao seu rival ¡Boom! cando, nalgún momento deste verán, Os Lobos leven por fin o anunciado botín de 6,5 millóns. O equipo máis lonxevo da televisión hase quedado tantas veces a un paso de completar a rolda final que velos pór por fin en verde todas as respostas se converteu para miles de seguidores nunha débeda pendente entre eles e a televisión.