O robot preguiceiro

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa saben que hai un micrófono metido nas tripas do robot de cociña máis vendido. Si, ese que vostede ten porque lle pareceu un exceso gastar mil euros nun aparello que nin sequera dá masaxes. Ese que mercou con ilusión por 300 euros aquel día que foi facer cola ao súper antes de abrir, coma se fose unha estrela pop dun único concerto. Ese que puxo onda a vitro coa esperanza de contar aos convidados que a bechamel perfecta das croquetas foi feita cun garfo, ao modo sublime da súa avoa. Pois ese robot, de súpeto, pasou de cómplice a espía na cociña onde vostede confesa en alto. Con todo, tranquiliza case tanto saber que o micro está desconectado como decatarse de que sempre hai alguén disposto a destripar os aparellos máis comúns para ver se gardan cousas de película de 007; xente que despois avisa, por suposto, coma se a paz mundial dependese dos segredos gardados na cociña de cada seareiro de MasterChef.

A empresa que comercializou o robot dixo que a presenza do micro aí dentro respondía ao plan inicial de que o robot cumprise ordes de voz, idea logo desbotada. Claro que non lograron explicar por que o deixaron estar, cousa que conectou de novo as alarmas conspiranoicas en todo canto cre que a preguiza non serve para explicar as grandes decisións-non-tomadas da historia universal.

Pero ser preguiceira, en xeral, facilita todo. A min dáme tanta preguiza quitarlle ao móbil a localización cando me vexo en secreto con alguén como botar pola fiestra abaixo algo tan imprescindíbel na miña vida como é a mentira da bechamel a baixo custo. Así que todos contentos, especialmente o chinés que fabricou unha chea de micrófonos que ninguén usa pero todos mercaron. Así de literario é o capital.