A ciencia da globalización

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O Mirador DÁ CIENCIA

OPINIÓN

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que os seres humanos temos o poder de tomar as nosas propias decisións, o feito de vivirmos en sociedade condiciónanos máis do que pensamos. Nas últimas décadas a ciencia está a descubrir que, cando se nos analiza como colectivo, o resultado global das nosas accións pode ser descrito con certas regras matemáticas, que en certo modo predín o comportamento dun país.

O avance da globalización fai que sintamos a influencia de lugares cada vez máis afastados, que medre o colectivo que nos inflúe. Hai cen anos, unha persoa de Vigo non sabía dun asasinato en Cádiz; hoxe sénteo coma se fose dun veciño. Cambia iso a nosa maneira de tomar decisións como pobo? Para investigalo, un grupo de científicos galegos pensamos que algo que define ben aos humanos é a linguaxe articulada, a capacidade para falar. Así, un pobo delataría os seus mecanismos ocultos de decisión a través da maneira na que escolle o seu idioma entre dúas opcións (galego e castelán, por exemplo).

Medimos a velocidade do cambio de falantes entre galego e castelán ao longo do último século, e descubrimos que é menor en zonas onde a rede de relacións é máis complexa. Isto apunta a que a globalización, en vez de inducir uniformidade, pode ter o efecto contrario: garantir a diversidade. Estase a ver na área política: antes, as posicións máis extremas eran moderadas polos teus veciños; agora, a través de redes sociais (cun alcance maior), sempre poden atopar a outros que pensen igual e construír xuntos unha burbulla no que autorreforcen as súas conviccións.