O latín ignoto de Valle-Inclán

Fefa Noia

OPINIÓN

15 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En 1984 inaugurouse o Centro Dramático Galego (CDG) cun Woyzeck de Georg Büchner, aínda que a proposta inicial fora Divinas Palabras. Daquela, pouco se sabía de que os herdeiros do autor se ían negar á tradución ao galego dunha peza escrita xa nun galego castelanizado, ou nun castelán galeguizado. Esta decisión forzou ao CDG a estrearse con Woyzeck; un texto de calidade indiscutible, pero, era o máis axeitado para inaugurar a andaina do noso teatro público?

Dous anos despois, en Vilanova de Arousa, o grupo de teatro amador Baldadiños, baixo a dirección de Roberto Leal, representaba esta peza. A idea era que a función tivera lugar ao aire libre, pero a climatoloxía impediuno e a Casa do Mar pareceu a mellor alternativa. A polémica debeuse neste caso á interrupción da función que, a raíz de determinados espidos en escena e ao berro de «Fóra!» e «Indecentes!», protagonizou o patrón maior da Confraría de Pescadores. As reaccións a favor e en contra non se fixeron agardar. A compañía pediu que se falara máis da obra e menos da polémica. Pero con Valle en Galicia este é un desexo difícil de satisfacer.

En 1998 o CDG emprendeu a produción Valle-Inclán 98. O obstáculo: a obrigatoriedade de facelo en lingua castelá. A consecuencia: a polarización do sector escénico profesional galego. Que era máis importante, que o CDG levase a escena a Valle ou que fixese teatro en galego?

No 2017, xa liberados os dereitos sobre a obra do autor, escolléronse dous proxectos para celebralo: A cabeza do dragón por Quico Cadaval, que gañou a carreira cronolóxica para ser o primeiro Valle levado a escena en galego, e a produción propia do CDG Martes de Entroido. Este espectáculo tamén tivo a súa polémica, con deserción incluída. O que fora ideado como unha dirección a catro mans converteuse nunha proposta escénica de factura impecable integramente a cargo de Marta Pazos.

Por fin, no 2018 o CDG puido producir Divinas Palabras. Completou ademais a súa xira co paso polo Teatro Español de Madrid, testemuña da estrea mundial desta peza en 1933, baixo a dirección de Rivas Cherif, con Castelao na escenografía e a Xirgú no papel de Marigaila. E así chegamos a Divinas Palabras Revolution, con dirección de Xron e nova polémica servida. Nesta montaxe partiuse da desmembración para crear un Frankenstein, -un reality show ao modo de Grande Irmán- verdadeiramente elocuente para pór diante de nós, público do século XXI, o espello que reflectira o noso interior.

Levamos falado de cinco postas en escena de Valle-Inclán nos escenarios galegos, seis se contamos esa primeira que non foi. Seis proxectos artísticos para constatar que, sempre que se montou a Valle no noso territorio, xurdiu unha nova polémica na paisaxe teatral galega. Permítanme pois que imaxine a un Valle desgonzado, pero aínda con aires de Don Juan, rindo a cachón entre bambolinas por ter sido capaz de abrir de novo a caixa de Pandora dos díxome-díxomes, e sementar a confusión do latín ignoto das Divinas Palabras.