Non son xoias, son nenos

Ana Abelenda Vázquez
Ana Abelenda ALGO HAI

OPINIÓN

Un niño ve la televisión
Un neno ve a televisión

16 jun 2019 . Actualizado ás 12:45 h.

É o primeiro problema dos nenos xoia, ou dos nenos altar. Que se acaba por tomarlles polo que non son. «Este neno non é unha xoia, é un neno» é un revés á frase que nos pode centrar. Actuar en consecuencia, aínda máis. «Cantas veces téñocho que dicir?» pregúntase (como eu) a psicóloga Maribel Martínez, el nun libro, recentemente editado, que vén ser o preescolar para manexarse en límites sen balbordo nin drama, para distinguir autoridade de autoritarismo, ou saber que un non tranquilo, sostido con firmeza na voz e no tempo, evita insultos, ameazas, esa clase de extorsión emocional que hoxe, co modelo á alza do pacto paternofilial, se estila na familia.

A familia non debe ser unha democracia, subliña Eva Millet. Os fillos necesitan para crecer «un goberno forte liderado por tecnócratas», dicía co seu sexto sentido do humor o gran Carles Capdevila.

Hoxe que en case todo nos vemos movéndonos entre os polos, custa atopar a lenta calidez dos matices, un argumento que permita conectar vexacións como as que unha profesora fai a un neno de 4 anos en Reus e a conduta dunha adolescente de 17 disposta a romper a casa se o seu pai non lle serve a cea. Tanto os adultos como os nenos destas dúas historias parecen ter algo en común: a falta de límites. Claro que son os nenos os que os aprenden dos seus pais e mestres. Polo menos, mentres son pequenos. E o que se ve é moito adulto que se impón ou cede , sen saber onde nin como pór o límite.