A ciencia chinesa gañará

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

JASON LE

02 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A condición de primeira potencia mundial dos EE.UU. susténtase, sobre todo, no seu liderado en ciencia e tecnoloxía. O recente bloqueo de Trump a Huawei non fai máis que evidenciar o medo a perder esa condición e destapar a guerra que lle declarou hai tempo a China no campo científico. Isto acelerará o xa rápido espertar do gran dragón. 

Con poucos días de diferenza falei con dous premios nobel de disciplinas distintas, de dous países distintos e ata de xeracións distintas e, no curso da conversación, dixéronme, de modo espontáneo, que están a viaxar de xeito habitual a China para montar alí laboratorios similares aos seus. A estratexia está clara: queren aprender dos mellores sen escatimar gastos, para despois voar sos. A súa política científica ten unha planificación sostida a longo prazo e estable: un ingrediente do éxito, complementado con boa formación.

O matemático Cédric Villani (Medalla Fields 2010) comentábame hai tempo que, mentres os adolescentes europeos aprenden a facer derivadas, os dalgúns países asiáticos empezan xa a facer ecuacións diferenciais (algo que está un paso máis arriba).

Trump deu o primeiro golpe, pero ollo á resposta. Un móbil está feito de ata 65 elementos químicos, moitos deles máis escasos que o ouro. Nesta mesma columna alertaba eu fai oito anos de que o 95 % da produción mundial dalgúns deles (os chamados terras raras) estaba en mans chinesas. ¡Ai se pechan a billa!