Catedrático galego en Mauthausen

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai poucos días celebrouse un acto de homenaxe aos deportados republicanos da II Guerra Mundial, acto que finalizou en liorta entre as autoridades que o presidían. Cumpriría non esquecer os infortunios padecidos polos republicanos españois que non só foron perseguidos no seu país por loitaren contra o fascismo, senón que moitos deles foron levados a campos de concentración nazis por abrazaren, na resistencia francesa, a mesma causa, o mesmo ideal. Xa nos dantescos campos, Franco, «Caudillo de España por la gracia de Dios», negoulles a aqueles españois a condición de tales, ignominia que traduce con precisión a feitura moral daquel sórdido e vingativo réxime.

De moitos daqueles infortunados, que foron miles, sabemos moi pouco. Un deles chamábase Juan González del Valle, do que si sabemos que foi catedrático de Literatura Española no Instituto Pérez Galdós de Madrid, e sabémolo pola cabeceira dunha carta que lle escribiu a Gabriela Mistral, carta que é un canto en prosa ás virtudes humanas e literarias da gran poeta chilena. Debo unha fotocopia desta carta, obrante na Biblioteca Nacional de Chile, a María Torres, madrileña afincada en Vigo, hoxe por hoxe a estudosa que máis ten investigado sobre os deportados galegos nos campos nazis.

Eu hai bastante tempo que persigo a biografía literaria de González del Valle, presente en importantes publicacións de preguerra, sobre todo na revista coruñesa Alfar. Que eu saiba, só escribiu en lingua galega o Limiar dunha antoloxía poética de Lamas Carvajal (Poesías. Selección e prólogo de…, A Coruña, Moret, 1925). Nin por estas nin por outras páxinas podemos inferir que fose galeguista; tampouco coñecemos cal era o matiz do seu esquerdismo nos anos da Guerra Civil, nos que colaborou en Hora de España.

Verdadeiramente, abraia que sobre unha personalidade intelectual das características de Juan González del Valle teñamos tan poucas noticias biográficas e bibliográficas. Hai anos conversei co meu vello amigo e camarada Xavier, sobriño do escritor e cantante, no seu día, de Voces Ceibes, e confesoume que a súa familia -como moitas outras- sabía moi pouco e transmitía menos. Pola investigadora María Torres teño noticia de que o infortunado profesor chegou a Mauthausen en agosto de 1940 co número 4.054, e que foi transferido ao subcampo de Gusen, co número 9.305, o 24 de xaneiro de 1941. Meses despois, o 26 de setembro dese ano, foi gaseado no castelo de Hartheim na compaña de 449 republicanos españois.