Ortega como Job, santo home

Sofía Vázquez
Sofía Vázquez ESTADO BETA

OPINIÓN

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Para evitar sobresaltos, vaia por diante que estas liñas non intentan subir a Amancio Ortega aos altares, pero o certo é que o home ten máis paciencia que o santo Job, un personaxe bíblico que ten unha historia recomendable por incrible. Desde Podemos recrimínanlle a Ortega a súa doazón á sanidade pública por un porrón de millóns cos que se compraron equipos que permiten reducir os tratamentos de cancro de xeito drástico (algún amigo meu xa o comprobou): o de mama de 6 a 3 semanas, o de próstata de 8 a 4 semanas e as sesións de certos tumores cerebrais pasan de ser de 2 a 3 horas a 20 minutos.

Interiorizando estas cifras e tendo en conta que os hospitais da rede pública sufriron as consecuencias duns equipos obsoletos -a crise pasou por eles e aguantaron ata que o empresario de Arteixo desenfundó a chequera-, deixa de ter sentido a acusación realizada a berros de Pablo Iglesias e os seus colegas de partido.

Por despexar dúbidas: Ortega paga os seus impostos como marca a lei, non ten sicav (aínda que a Administración as permite), cada último venres de mes paga a nómina de máis de 175.000 empregados e non deu nunca en público a máis mínima nota discordante. Aos seus oitenta e tantos, segue indo traballar todos os días, está preocupado polas obras de ampliación de Arteixo e fai vida normal nunha cidade normal. Ademais -e xa o escribín nalgunha ocasión- el, como vostede e como eu, ten o dereito a gastar o seu diñeiro no que lle dea a gana. ¡Faltaría máis!

O home non se inquieta particularmente polas opinións que sobre el se están vertendo en esta época electoral. É máis, considera que todas son respectables. Sobre elas non di nada. Non é o seu estilo e a súa posición respecto ao traballo realizado e ao que está por vir non variou.

Hai persoas expertas en roubar enerxía; hai outras, que dan serenidade. Estar nun ou outro bando non é unha cuestión de idade, senón de saber estar neste mundo. E pasar por ela coa cabeza ben alta.