Afectará a Ferrol a Méndez Núñez?

Miguel-Anxo Murado
Miguel-Anxo Murado CRISE DIPLOMÁTICA

OPINIÓN

ARMADA

16 may 2019 . Actualizado ás 00:07 h.

Tras a decisión do Goberno español de retirar a fragata Méndez Núñez do grupo naval norteamericano que se dirixe ao Golfo Pérsico para presionar a Irán, xurdiu a preocupación de se isto pode afectar indirectamente aos estaleiros españois, incluído o de Ferrol. Á fin e ao cabo, a Méndez Núñez formaba parte deste grupo naval para conmemorar o quinto centenario da fazaña de Magallanes e Elcano cunha volta ao mundo, pero tamén como escaparate para intentar vender esta serie de fragatas F-100 a Estados Unidos. O ano que vén resólvese un concurso para construír vinte destes barcos e Navantia, o fabricante da F-100, participa nel en alianza cun estaleiro estadounidense.

 É unha preocupación comprensible, pero talvez esaxerada. Evidentemente, a retirada da Méndez Núñez non axuda, e menos aínda as pouco diplomáticas declaracións da portavoz Celáa, que dixo que o presidente Donald Trump era «imprevisible» (o que é certo, aínda que fose mellor non recalcalo). Pero as decisións de compra de armamentos deste grao de sofisticación non se toman por capricho. Especialmente despois do fracaso do seu programa LCS (Litoral Combat Ship), a mariña norteamericana non pode permitirse encargar unha fragata peor só para castigar a España por un incidente leve. De feito, a F-100 española parte con vantaxe precisamente porque os outros catro competidores presentan deseños baseados no LCS ou nos cutter da garda costeira norteamericana, suponse que inferiores. Iso si, gañar o contrato suporía prestixio e ingresos para Navantia, pero non aumentaría a carga de traballo en Ferrol, porque Estados Unidos obriga a que o seu barcos militares se constrúan nos seus estaleiros.

 Por outra banda, hai que lembrar que Navantia acaba de perder dous contratos para vender a F-100 a Australia e Canadá, e crese que foi por unha cuestión técnica: a planta propulsora resulta lixeiramente ruidosa para a loita antisubmarina (despois de todo, trátase dunha nave antiaérea). Sin duda, a F-100 é agora mesmo una das mellores fragatas do mundo, pero o seu deseño, da década de 1990, non tardará en resultar obsoleto. De feito, o que debería facer o Goberno, se quere aproveitar de verdade o oco que se abriu Navantia no mercado internacional coa venda da F-100 a Noruega e Australia (antes deste último concurso), sería construír cando antes a F-110, que aínda se atopa en fase de desenvolvemento e ten aínda máis posibilidades que a F-100.