Reivindicacións xustas da atención primaria

OPINIÓN

15 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O conflito en sanidade galega en xeral, e na atención primaria da área sanitaria de Vigo en particular, non está politizado, por moito que os responsables do Sergas queiran afirmar o contrario. Trátase dun asunto ético e deontolóxico. O Código de Deontología Médica non pode ser máis claro: «Sendo o sistema sanitario o instrumento principal da sociedade para a atención e promoción da saúde, os médicos han de velar para que nel se dean os requisitos de calidade, suficiencia asistencial e mantemento dos principios éticos. Están obrigados a denunciar as deficiencias, en tanto poidan afectar á correcta atención dos pacientes». Non podo máis que felicitar aos médicos de primaria de Vigo por tomarse en serio o código.

 A xerencia da área de Vigo quere darlle a volta á tortilla e acusa os médicos que a súa reivindicación de dispor dun tempo mínimo de consulta de 10 minutos por paciente e un límite máximo de citas por xornada «suporía unha limitación dos dereitos da cidadanía, a aparición de listas de espera e unha afronta contra a característica esencial de Atención Primaria, que é a súa accesibilidade». Penoso que un xestor público, no canto de dedicarse ao que ten que facer (xestionar con eficacia e resolver problemas) queira tapar o sol cun dedo.

No Sergas hai tempo que hai un problema de xestión de recursos humanos. Lonxe de recoñecer a realidade con humildade, parece que están teimados en botar gasolina ao lume. Isto non se vai a solucionar só cunha maior dotación económica, vai implicar cambios nas persoas (dimisións/ceses) e xerar unha cultura relacional totalmente diferente á seguida ata agora. Quizais axúdelles a lectura do libro Liderado ético, de Francesc Torralba: é doado de ler e ten boas orientacións prácticas, que é o que necesitan quen están a cargo de os destinos da sanidade galega.