Buscando parella de baile

Laureano López
Laureano López CAMPO DE BATALLA

OPINIÓN

23 abr 2019 . Actualizado ás 07:11 h.

Ao guateque electoral Rivera levou unha foto de Sánchez co señor secesionista Torra. O marco non parecía sueco, aínda que Sánchez llo fixo (o sueco), loxicamente. Estaba escrito que por aí lle ían atacar. Víuselle tenso aínda que, en principio, vai sobrado, por iso é polo que á hora de escoller parella de baile refugase, iso si, gentil, o rogo de Iglesias . Casado tamén levou ajuar, unhas estatísticas do paro. Quixo agradar, e estivo modosito. Iglesias levaba de complemento a súa Constitución. Ou sexa, a de todos, pero ese exemplar era claramente seu, subliñado e cuberto de Post-it, en plan seima toda. Están estes candidatos tan asesorados, e todo tan medido, que nin cercos de suor houbo. Ata o moderador chegou a pedir que se perdesen o respecto.

Abondaba con aparcar en Cataluña, porque o Falcon, o máster, o outro máster, a revolución bolivariana, o trío de Colón, e así ata marear, non remataban de prender a mecha. Pero Cataluña non. Cataluña é sempre estes anos a canción de bailar agarrados, ou de saír correndo da festa. Cataluña e, claro, os pactos. Vimos cos nosos propios ollos que Sánchez e Rivera, que bebe os ventos por Casado, son auga e aceite. Pero Iglesias , tan moderado que daba susto, non llo remata de crer. A ver se lle dá por espiar esa relación, xusto a el. O debate foi bastante previsible. Como a primeira parte dun partido no que todos se xogan demasiado. O minuto de ouro foi o máis gracioso. Quen lles redactou esa guinda aos candidatos? Parecían catro microcapítulos de Cóntame. E mira que os españois xa non están para moitos contos.