Patrimonio e velocidade

OPINIÓN

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta semana, cando escoitaba aos locutores da radio describir a caída da agulla central da catedral de Notre Dame por causa do lume, quedei matinando na variación de velocidade coa que podemos chegar a perder o patrimonio material da nosa humanidade. Pensei no número de BIC (bens de interese cultural) que xa se botaron a perder na nosa terra, ou nos que por descoido ou falta de financiamento están a desaparecer agora mesmo. Lembrei a cantidade de mosteiros abandonados que acostumaba visitar na miña provincia, Ourense, unha das provincias con maior volume patrimonial do país. Pensei nas historias esquecidas da nosa terra que foron desaparecendo a través a desintegración do noso patrimonio. Hai desastres, coma o de Notre Dame, que fan que algo desapareza en minutos, e hai desastres, coma o noso, que fan que as cousas desaparezan en décadas e séculos. Sen dúbida son ritmos e circunstancias completamente diferentes, pero non por iso menos catastróficas.

Pero estas perdas non só afectan ao noso patrimonio material. Cando esta semana se inauguraba a exposición «As Benvidas», en Nova York, non puiden deixar de pensar no paralelismo que hai co noso patrimonio inmaterial. É incrible ver como unha pequena selección de fotografías da emigración galega nos EUA nos pode axudar tanto a entender a historia do noso país a primeiros do século XX. Momentos da nosa historia que probablemente nunca serían visibles se non fora polo traballo de documentación dos seus dous comisarios, o periodista Luís Argeo e o hispanista e profesor da New York University James Fernández. O seu é un xeneroso exercicio de recuperación dese patrimonio esquecido.