Militares na política

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

25 mares 2019 . Actualizado ás 07:27 h.

Ninguén vai discutir a liberdade dos militares para participar na política española. A mesma que teñen os xornalistas, os parados e os adestradores de baloncesto. Pero é certo, e aínda sen discusións, que a súa entrada na vida pública causa sempre una certa sorpresa á vez que se presta para unha análise das súas decisións. Porque aínda que se representan a si mesmos, resulta inevitable extraerse de levar a súa decisión ao Exército.

 O que chama poderosamente a atención non é o seu paso a cargo de cinco altos cargos militares, dous deles devotos franquistas, senón a decisión unánime de participar e integrarse en Vox. Porque non é unha elección afastada de interpretacións. Se estes militares se decidisen por PP, C´s ou PSOE ou Podemos, non estariamos a nos facer preguntas. Outros o fixeron antes sen tanto balbordo. Son partidos de recoñecida traxectoria democrática cunha finalidade decididamente democrática e cos que podemos estar ou non de acordo, que non o estamos, pero dos que ninguén dúbida.

Pero Vox, non. Vox é un partido homófobo, que propón expulsar aos inmigrantes, pór muros en Ceuta e Melilla, esnaquizar o Estado das autonomías, derrogar as leis da Memoria e de violencia de xénero e armarnos a todos ata os dentes. Iso si, defensor da tauromaquia. Un partido, en definitiva, dubidosamente constitucional e a cuxa legalización habería que darlle unha volta.

A dúbida que nos asalta, con esta integración, é se os altos mandos do Exército que acaban de facer seu este ideario, compartíano hai uns meses cando desempañaban os seus cargos militares. Porque entón é para botarse a tremer. Por iso, e para non pór en dúbida a imaxe das milicias, deberían de aclararnos se a cousa vén de atrás ou se é que recentemente quedaron cativados pola arrebatadora personalidade do carismático gran líder Abascal. Que o mesmo.