A hora da razón

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

Mabel Rodriguez

25 mares 2019 . Actualizado ás 07:24 h.

Os gobernos e institucións europeas vanse dando conta da irresponsabilidade que supuña a proposta do señor Juncker de supresión do cambio de hora estacional en 2019, tras unha enquisa web con graves deficiencias (votou menos do 1% da poboación da UE). Un ditame do Comité Económico e Social Europeo aféalle a lixeireza con que tomou este asunto, xa que denuncia «límites importantes de método, prazos e contido» e «lamenta que os gobernos nacionais e a sociedade civil organizada non foron adecuadamente consultados antes de publicar a proposta de carácter urxente». Sinala que «non hai clara unanimidade sobre as vantaxes reais da abolición do actual sistema harmonizado e se sería preferible adoptar a hora de inverno ou a de verán». Alerta tamén do risco da «fragmentación do mercado interior» que se podería derivar da aplicación das medidas de supresión do cambio estacional de hora. Engade que, no caso de que a avaliación de impacto da supresión do cambio estacional de hora en 2024 fose negativa, «unha marcha atrás en tan pouco tempo sería inimaxinable, tanto polos custos adicionais como polo impacto na credibilidade das institucións europeas». Para rematar lanza un importante aviso: «A mesma Comisión pon en evidencia que esta iniciativa se basea nunha serie de estudos proporcionados por determinadas asociacións e estados membros que, con todo, non son coherentes ou se contradín entre eles». Non xoguemos coa estabilidade horaria europea.