Farturento traballo calado

OPINIÓN

25 mares 2019 . Actualizado ás 07:27 h.

Nos tempos que corren chama a atención que haxa homes que, en moitos anos -ás veces, ao longo de toda a súa vida- desenvolven un inmenso labor de clarificación de tenzas da nosa realidade, do pasado ou do presente, case sempre descoñecido entre as xentes, incluso entre xente de certa cultura.

Son homes que, en silencio e moitas veces sen medios, e en ocasións sendo eles mesmos os seus propios financeiros, iluminan tenzas escuras da nosa realidade, sabios e donos de coñecementos específicos, que, levados polo seu amor ao saber e ao país, nos deixaron unha obra indispensable se queremos saber algo de nós mesmos, do noso pasado máis afastado, de onde vimos e do que somos. Homes, polo demais, cos que non sempre temos sido xustos.

Refírome hoxe a dous deses verdadeiramente senlleiros -eles si que son merecentes dese adxectivo-, Ramón Sobrino Buhigas e o seu sobriño Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, autor o primeiro, entre moitos outros traballos, do Corpus Petroglyforum Gallaeciae, obra monumental e primeiro estudo de conxunto dos petróglifos galegos.

Tío e sobriño deixáronos unha vasta obra, salvaron da destrución moitas pezas, deixaron espléndidos debuxos doutras, un arquivo fotográfico moi valioso e un camiño que outros seguiron, estudos que chegaron a ser populares: chaveiros, tarxetas postais, fotos... poden ter como tema a arte rupestre. Un indicio de que o labor rigoroso pode influír na sociedade.

Fai ben Ángel Núñez Sobrino, autor do estudo Ramón Sobrino Buhigas (1888-1946): materia y forma pétrea nombrada y señalada, publicado no nº 40 do Anuario Brigantino, en sintetizar a vasta obra dos seus parentes, ben merecentes dese acto, a un tempo de simpatía e de xustiza.