Un compromiso realista para Alcoa

Reyes Maroto
Reyes Maroto ASINA INVITADA

OPINIÓN

M. DYLAN - EUROPA PRESS

25 mares 2019 . Actualizado ás 18:59 h.

«E cae ao fin... e ninguén sabe, / nin ninguén pregunta por que caeu». Vallan estes versos de Rosalía de Castro como expresión dunha verdade dabondo coñecida, como é que o problema de Alcoa é unha realidade que nos precede e que, poderiamos dicir metaforicamente, pérdese na noite dos tempos. Sabido é que se remonta a 2014, ou mesmo antes, e que o Goberno do PP non deu unha solución definitiva, o que contribuíu a fermentar unha situación que estalou o pasado outono coa decisión da empresa de pechar as súas plantas da Coruña e Avilés.

 Que fixo o Goberno para minimizar as consecuencias negativas desta decisión unilateral? O primeiro, actuar con firmeza para evitar os despedimentos. En segundo lugar, convocar ás partes para traballar de xeito conxunto na procura de solucións. Este método demostrou eficacia e desembocou en positivos desenlaces, como os logrados en Vestas, Cemex ou Made. Pero, que ocorre con Alcoa? Independentemente das causas de fondo da decisión de peche, asistimos nestes meses -como nos relatos de Cunqueiro- a unha estraña mestura de realidade e ficción. Chamo «realidade» a xestionar os problemas de xeito discreto, a traballar con responsabilidade e sen descanso. O ministerio non se puxo de perfil, deu a cara, buscou fórmulas e pisou territorio para dialogar cos traballadores. Non fomos alleos á súa lexítima mobilización. Os comités de empresa das factorías saben que o ministerio estivo sempre do seu lado.

Como contraste, denomino «ficción» á cerimonia da confusión que algúns se empeñan en escenificar, retransmitindo o día a día da negociación para obter rédito en termos políticos ou de imaxe, xogando á contra para eludir responsabilidades, formulando críticas oportunistas e xerando falsas expectativas que, lamentablemente, só avivan a incerteza e enturban os procesos de diálogo, os únicos que poden guindar froitos positivos. Quen decidiu abandonar é Alcoa, e sempre entendemos que quen xerou o problema ha de participar na solución; así llo fixemos saber reiteradamente. Pola súa banda, os traballadores cumpriron responsablemente, «parando o corazón» das fábricas e agardando que as administracións e a empresa estean á altura. O Goberno puxo sobre a mesa todos os instrumentos ao seu alcance, respectuosos coas normas comunitarias, e que poden activarse de forma inmediata. A proximidade do final da lexislatura e o feito de non contar cuns novos Orzamentos Xerais do Estado limitan a acción pero non o noso compromiso co mantemento das capacidades produtivas e os postos de traballo. Esa foi -e será no futuro- a nosa prioridade. O Goberno é realista, non fai demagoxia.

Que solucións achegaron os demais? Que intereses permanecen ocultos? En nove meses colocamos a industria ao nivel de política de Estado, pero non parecen entendelo as formacións políticas que antepuxeron os seus intereses particulares ao interese xeral, xerando ruído para dificultar o camiño. Os brindes ao sol quedan moi ben, pero o «caso Alcoa» necesita sensatez e determinación. O Goberno está niso. Tratamos de transmitir tranquilidade e certidumbre, sacamos adiante o marco normativo necesario e cumprimos co compromiso de presentar en tempo e forma unha proposta de Estatuto para o Consumidor Electrointensivo. Estamos na fase de presentación de alegacións que, a recado, perfilarán un texto que servirá de marco duradeiro para as 253 empresas electrointensivas existentes en España e contribuirá ao mantemento de máis de 150.000 empregos directos e indirectos.

Concluír o trámite administrativo, facer o seguimento adecuado do acordo e valorar as ofertas de investidores para acadar unha solución definitiva antes do 30 de xuño compoñen o noso horizonte inmediato.

Porque resolver o «caso Alcoa» é responsabilidade de todos. Aínda estamos a tempo. Neste momento crucial, todos temos que ofrecer o mellor de nós para que a actividade económica e o emprego en Galicia e Asturias duren, parafraseando a Cunqueiro, «mil primaveras máis».