A mellor decisión sobre a AP-9

Manuel Lago
Manuel Lago LIÑA ABERTA

OPINIÓN

SANDRA ALONSO

08 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Este é un artigo interactivo: o autor expón os datos e o lector, á vista das cifras, decide cal é a mellor alternativa. Primeiro, entre o 2018 e o 2026 remata o período de concesión da inmensa maioría das autoestradas dependentes da Administración Xeral do Estado, que volverán a ser públicas e, probablemente, libres de peaxe. Son a AP-1, AP-2, AP-4, AP-7 e a AP-68. Ademais hai que engadir as autoestradas privadas quebradas e xa rescatadas. En total suman 2.300 quilómetros, dun total de 2.759 da rede estatal.

Case todas menos a AP-9, que ata o 2048 seguirá en mans privadas e cobrando peaxe, porque a súa concesión inicial por 25 anos foi prorrogada ata 75 anos por diferentes gobernos. Galicia será unha excepción: mentres que no resto do Estado gozarán dunha rede integrada de vías de alta capacidade de carácter público e libres de peaxe, en Galicia un monopolio privado seguirá explotando as principais infraestruturas de comunicación que articulan o noso territorio.

Segundo, Audasa presentou en 2017 un documento ao Ministerio de Fomento no que estima que nos 29 anos que lle restan de concesión vai cobrar 14.566 millóns de euros máis en peaxes.

Terceiro, a empresa realizou obras de ampliación na ponte de Rande e na circunvalación de Santiago por un importe de 223 millóns. Para financiar estas obras o Goberno autorizou un aumento das tarifas do 1 % anual acumulativo, o que supón 1.462 millóns de euros máis de ingresos para Audasa.

Cuarto, Audasa pertence a Itínere, un grupo empresarial sometido a unha intensa disputa polo seu control entre un fondo de inversión norteamericano -Corsair- e fondos holandeses e británicos, propietarios de Globalvia. As operacións de compravenda de paquetes de accións determinan un prezo de mercado do grupo Itínere de 1.300 millóns de euros. Supoñendo que o valor de Audasa fose o 55 % do valor total de Itínere -en 2017 achegou o 50 % da facturación do grupo-, o seu prezo como empresa individual estaría na contorna dos 700 millóns de euros.

Quinto, dende o 2007 o Ministerio de Fomento ten a obriga de pagarlle a Audasa una compensación económica pola eliminación das cabinas de peaxe da Barcala e Vigo-Cangas. En 2017 o pago foi de 7 millóns de euros, unha contía que aumentará ao longo dos 29 anos de concesión cos mesmos parámetros que o resto das peaxes, ata acumular 650 millóns de euros.

Sexto, a Xunta vén de propoñer cambiar o modelo de financiamento das obras de ampliación da AP?9: que o Ministerio de Fomento pague 266 millóns a Audasa para deixar sen efecto a suba do 1 % das peaxes.

Ata aquí os datos. Agora o lector ten que elixir entre tres opcións. Primeira, non facer nada e seguir pagando 14.566 millóns en peaxes ata 2048, dos que 650 millóns son a cargo do Ministerio. Segunda, pagarlle agora a Audasa 266 millóns polas obras para aforrar 1.462 deses 14.566 millóns en peaxes. Terceira, que Fomento recupere a AP?9 para o público, investindo os 700 millóns que custa Audasa, cifra que se reduce case á metade porque xa non tería que pagar as peaxes na sombra nos próximos 29 anos.

Non parece difícil decidir cal é a mellor opción para todos os que non sexan accionistas de Audasa.