O noxo da demagoxia

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

É probable que Pedro Sánchez reúna na súa persoa o candor de personaxes literarios universais como os nosos don Quixote e Sancho, o Cándido de Voltaire, o bo soldado Svejk de Jaroslav Hasek e o Simplicius Simplicissimus de Hans Jakob Christoffel von Grimmelshausen; pero, polo título da novela e a teima do presidente en botarse á aventura sen ter todo atado e ben atado, véxoo como O aventureiro Simplicissimus da política española. El, boas intencións ten; pero xa se sabe que de boas intencións está o inferno cheo, e o inferno da política nin che conto. A do relator foi a última e, malia os días pasados, aínda cheira a chamusco, sobre todo polo fogo amigo recibido de dirixentes do seu partido, incluídos Felipe González e Alfonso Guerra, e de comentaristas afíns como Ramoneda, Àngels Barceló e Iñaki Gabilondo; porque seica a figura do relator poría en pé de igualdade a España e Cataluña, nun encontro de nación a nación. Hai quen di que, en plena treboada de críticas, os ceos abríronse sobre a Moncloa e unha voz tronante, que fixo tremer o pazo, inquiriu nas alturas: «Quo vadis, Petrus?».

Pedro non ía a ningures. Estaba debaixo da cama lendo, abraiado, as declaracións de Alfonso Guerra, que afirmaba: «Nunca, nunca en la Transición necesitamos un relator». Era boa! Coa UCD foron relatores, mediadores ou como se lles queira chamar, entre o goberno e ETA, o xornalista José María Portell -que un ano despois sería asasinado pola banda terrorista-, Mario Onaindía e Juan María Bandrés; co PSOE, o xesuíta José María Martín Patiño, o avogado Jorge Argote e o premio nobel da paz Pérez Esquivel; co PP, o bispo de Zamora Juan María Uriarte. En ningún caso se entendeu que a presenza de relatores degradaba as institucións.

O presidente foi vítima da propia inxenuidade e da demagoxia dos líderes da dereita, que magnificaron a importancia da figura do relator para presentar o encontro entre os gobernos español e catalán como unha traizón á patria. Nin tolos pensarían Casado, Rivera e Abascal que Pedro Sánchez aceptaría a autodeterminación de Cataluña; pero dérono a entender porque o demagogo retorce a realidade para acender as paixóns e aguilloar o máis irracional da conduta humana. «La demagogia -di Ortega y Gasset- trata de convertir a los ciudadanos en estúpidos cultivando su ignorancia y sus más bajas tendencias, el simplismo, el odio y el sectarismo, entre otros».

O demagogo non ten escrúpulos, nin mesura. Ningún os ten, pero Pablo Casado é o campión, o non vai máis, o non plus ultra dos demagogos. Está encantado de selo e converteuse nun exhibicionista. O relator deulle para soltar o tarabelo nunha restra de aldraxes contra Pedro Sánchez, que algún día figurarán nunha antoloxía do disparate político:

-«El presidente del Gobierno es el mayor traidor que tiene nuestra legalidad. Está cometiendo un acto de felonía, es un felón contra la propia continuidad histórica de la democracia española».

-«Esto es lo más grave que ha ocurrido desde el 23 de febrero de 1981».

-«Sánchez es tan ilegítimo como un presidente que comete delitos de narcotráfico».

Creatividade non lle falta, pero un refrán galego advirte de que «a merda cando é moita, cheira», polo que, ou Pablo Casado chega axiña á Moncloa, ou remata a carreira política de histrión. De patético histrión.