O máis caro non é necesariamente mellor

Rebeca Sánchez

OPINIÓN

24 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Non fai moito que os smartphone romperon a barreira psicolóxica dos mil euros. Desde a chegada dos iPhone e dos Android os prezos destes dispositivos iniciaron unha escalada incesante: dos 400 ou 500 euros pasamos aos 700, logo aos 900 e xa estamos nos mil, un prezo ligado aos trebellos que destacan polo plus de deseño e calidade. Estes dispositivos premium non están ao alcance de tódolos usuarios, xa non só polo seu prezo, senón tamén polas súas funcionalidades, innovacións que un consumidor medio -en moitos casos- non utilizará.

Esta estratexia de prezos non é nova. Recordemos que Apple usouna para diferenciarse e posicionarse dentro do mercado ligando a súa marca a conceptos como calidade, exclusividade e innovación. Se o prezo do dispositivo é alto, a percepción do valor que as persoas consumidoras lle outorgan aumenta. O caso dos iPhone é claro: asociamos prezo con exclusividade, somos donos dun accesorio tecnolóxico especial, que nos distingue, que nos fai únicos. E esta estratexia de prezo tamén inflúe na nosa percepción dos demais dispositivos, porque se son máis baratos e, polo tanto, máis asumibles, non poden ser tan bos.

A cuestión é que posiblemente a maioría dos usuarios non precisamos dispositivos tan caros pero querémolos porque o mercado habituounos á posibilidade de ter un Lamborghini cando o que podiamos permitirnos era un Seat Panda. Non hai moito as operadoras atraían a novos usuarios, ou tentaban aos que querían marchar, con móbiles de alta gama que podían saír case gratis ou que pagabas en cómodos prazos. Esa era a realidade hai uns anos, todo o mundo tiña ao alcance da man un smartphone, o que nos levou a habituarnos a un produto cunhas características que talvez non precisabamos ou a un dispositivo que non podiamos permitirnos. Neste punto é interesante advertir que a escalada de prezos posterior xiraba arredor da innovación, da exclusividade e das funcionalidades punteiras do produto; e, ás veces, esas supostas vantaxes tecnolóxicas do dispositivo non xustifican que o smartphone rompa a barreira dos mil euros.

Actualmente o mercado é máis heteroxéneo e os consumidores están mellor preparados e informados para elixir un ou outro dispositivo electrónico. Temos acceso a smartphones máis económicos con funcionalidades que hai anos nin existían, pero para moitos consumidores resulta difícil desbotar a idea de que un produto máis caro é mellor.

Como asociación de consumidores, nos últimos tempos detectamos problemáticas relacionadas con estes dispositivos cun raizame económico. Non é a primeira vez, e non será a última, que un consumidor solicita un crédito rápido para acceder á compra dun smartphone, o que acaba derivando nunha débeda coa entidade emisora do crédito de difícil pagamento. Por iso animamos aos consumidores a reflexionar sobre cuestións como a obsolescencia programada, a compra de segunda man de dispositivos tecnolóxicos, a reutilización de vellos terminais ou a reparación dos mesmos antes de optar pola compra dun novo smartphone.