Cando os feitos falan, as linguas calan

OPINIÓN

24 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Galicia é a comunidade europea con maior arraigo dunha lingua minorizada. Máis do 95 % dos galegos declaran entender o idioma do país e arredor do 90 % afirman saber falalo. Catro de cada dez téñeno como lingua inicial, por tres de cada dez que teñen o castelán e un de cada catro que aprenderon a falar nos dous idiomas. De cada dez galegos, catro alternan o uso das dúas linguas no día a día, tres falan só en galego e dous só en castelán. Claro está que por debaixo desas cifras agóchanse fondos desequilibrios, pois a distribución do uso das dúas linguas é moi desigual segundo a clase social e o lugar de residencia. Tamén é verdade que corenta anos de autonomía e trinta e cinco de Lei de Normalización Lingüística non conseguiron reverter a perda na transmisión interxeracional do idioma, e hoxe a xente nova, en teoría, sabe máis e mellor galego ca nunca, pero na práctica fálao menos e peor cá xente maior. Nin a Xunta nin o conxunto da sociedade atoparon aínda a maneira eficaz de asegurar o futuro do noso idioma, pero, á hora de facer balance, primeiro temos que lembrar cal era a situación de partida e despois imaxinar como estaría hoxe a lingua se non houbese autonomía.

Os datos sobre a evolución do galego no século XX poñen de vulto o impacto demoledor da ditadura franquista. As persoas que a recordan saben ben cal foi o resultado inmediato dunha política sistemática de desprezo do galego e exaltación histérica do castelán, de imposición brutal deste e exclusión total daquel. Máis aínda, as dinámicas socioeconómicas apuxaban o galego cara ao precipicio: ruína do campo e emigración en masa da poboación galegofalante, extensión da educación obrigatoria, difusión da televisión, crecemento das cidades. O galego malvivía baixo o estigma do atraso.

O maltrato ao idioma polo franquismo é unha verdade irrefutable. O que non é tan evidente é o seu efecto no medio prazo. Moitos galegofalantes que se criaron no clima asfixiante daquel réxime deixaron de transmitir o idioma aos seus descendentes. Bastantes destes xa non o aprenderon na casa, e non llelo falaron aos fillos. O proceso de desgaleguización das últimas décadas é unha deriva da ditadura, por moito que se silencie nos tramposos discursos sobre a «liberdade de lingua». Sen autogoberno, expulsado das escolas, acalado nos medios, que sería do noso idioma hoxe? Un enfermo agonizante, non o idioma vivo, digno e con ansia de porvir que é. Recordar doe, esquecer manca. Hai que pensar no futuro sen medo e con esperanza.