«A voz» suma e segue

Beatriz Pallas ENCADEADOS

OPINIÓN

La Voz Antena 3

09 ene 2019 . Actualizado ás 13:30 h.

Hai que recoñecerlle a Antena 3 o mérito de ter sabido crear un estado de sugestión colectiva entre os espectadores da voz para que percibisen como novidade a estrea dun programa xa veterano entre os concursos de talentos mundiais. Aloxado agora nunha nova cadea e nun estudio máis grande e relucente, o programa cambia para seguir sendo igual que sempre.

O reality é, como ata agora, un ingrediente que ocupa máis minutos que os prodixios vocais. A filosofía quedou clara desde o primeiro número, cando a irmá pequena dunha aspirante puido coñecer en persoa, hipando de inquedanza, ao seu ídolo, Luis Fonsi.

 Hai caras novas en pantalla. Aínda custa crerse o almibarado arranque da presentadora, a mesma Eva González que vinte e catro horas antes despedía noutra cadea a semifinal de MasterChef Junior invitando a pórlle «sabor á vida». E o novo equipo de xuíces, aos que insisten en chamar coaches, chega disposto a demostrar que eles seguirán sendo os verdadeiros artífices do espectáculo, especialmente agora que, para animar a noite, poden bloquearse entre si.

Pero o máis innovador para os costumes españois é que agora as galas non son máis áxiles, pero si máis breves. Pouco despois da medianoite, os seus catro millóns de seguidores puideron irse á cama.