Unha obra que devolve ilusión

Juan Oliveira RESPONSABLE DE UNIDADE DE NEGOCIO EN CT ENXEÑEIROS

OPINIÓN

13 dic 2018 . Actualizado ás 21:31 h.

Pasaron xa oito anos desde a botadura da fragata Cristóbal Colón, o último gran buque construído na nosa ría para a Armada Española. Desde o 2010, o principal cliente para Navantia foi Australia, salvo as excepcións do flotel de Pemex e o BAM a piques de ser entregado á Armada. Pero os encargos para a Marina española volveron, e fano ao grande. O impacto do deseño, construción e posterior mantemento das futuras fragatas F-110 en Ferrol e comarca vai ser enorme. Máis aló dos números manexados pola Armada e a propia Navantia ?3.400 empregos directos, 7.000 sumando os indirectos; 4.000 millóns de investimento e 10 anos de carga traballo, máis os 35 anos de apoio ao ciclo de vida destes buques, que xa de seu impresionan?, hai dous aspectos deste programa que me gustaría resaltar.

O primeiro, máis tecnolóxico, será o impulso á modernización de toda a cadea de subministración e do propio estaleiro, enfrontándonos todos ao reto da industria 4.0, incluíndo no deseño, construción e mantemento dos novos buques tecnoloxías como o xemelgo dixital, as realidades virtual e aumentada ou a fabricación aditiva. Todo isto dará lugar ao Estaleiro 4.0, colocando a Navantia e á industria auxiliar de cheo no século XXI.

E o segundo, máis sentimental, como traballador e tamén neto e fillo de traballadores do sector naval, coñezo ben o que este representa para Ferrolterra e o arraigado que está na nosa sociedade. Por iso agardo e desexo que este programa traia o empurre necesario para unha comarca castigada durante os últimos 30 anos por reconversións e longos períodos de baixa ou nula carga de traballo, que nos devolva a ilusión e que todos volvamos sentirnos orgullosos da nosa capacidade para construír algúns dos mellores barcos do mundo.