Videncias e evidencias

Mariluz Ferreiro A Mi BÓLAS

OPINIÓN

europapress

12 dic 2018 . Actualizado ás 08:40 h.

Progresar rápido é un problema cando se decide avanzar en círculo. Talvez por iso algúns senten que están de volta de todo. Por amais de investigacións científicas e de estudos estatísticos. Pódese ser unha esquerdista antivacunas, un presunto centrista que cuestiona o cambio climático, un dereitista que di que se ocultan os asasinatos de homes a mans das súas mulleres e unha filoindepe que asegura que a cura do cancro está máis que desenvolvida, pero ocúltaa a mafia das patentes. Patente de corso é o que parecen ter eles. Porque os partidos políticos e unha parte das súas parroquias aceptan as burradas máis flagrantes sen pestañear. Canta irresponsabilidade en nome da falsa pluralidade. Coma se acoller a un revisionista de evidencias científicas fose equiparable a ter nas súas filas a veganos, hipsters barbudos ou seguidores do Atlético. Temos entre os nosos deputados a un eurofán, a dous budistas, a un grupo que odia Xogo de tronos e a un deputado que pon en dúbida os antibióticos. Quedounos moi variado todo, porque reflectimos diferentes sensibilidades da sociedade. E pobres daqueles que lles neguen unha tribuna ou un púlpito aos iluminados que están máis aló do método científico. «Por que non debater? Pódese debater sobre calquera cousa», din. Tamén sobre se a Terra é redonda? Sobre se hai que cuestionar a igualdade de dereitos entre homes e mulleres ou entre negros e brancos? Sobre a opción de derrubar o medicamento tradicional aínda que custe millóns de vidas?

Os que se atreven a negar o que demostraron a ciencia e a historia retorcendo a verdade, que non farán con outros asuntos?