Todo comeza por un paso

María Xosé Queizán LIÑA ABERTA

OPINIÓN

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Coas mulleres xa se sabe». «Coas mulleres nunca se sabe». Cèlia Amorós cita estas dúas sentenzas contrarias en relación coa lingua, pero equivalentes no seu significado. Vén a conto dunhas declaracións que fixo hai uns días o podólogo do Real Madrid, orgulloso dos pés dos seus futbolistas: «De teren unha mala pisada, non chegarían a onde están». Todo comeza por un paso. Todo o que se fai na vida. Camiñar repercute no sistema articulatorio e muscular do noso corpo. Eu teño deformación profesional, e vou nunha fileira de xente e danme ganas de parar a alguén e dicirlle: «Faite mirar iso, que vas quedar sen xeonllos». Pois este profesional, consciente e preocupado, ao mesmo tempo é un misóxino a quen non lle importa que as mulleres esmaguen o corpo, co calzado que usan exclusivamente, mesmo se os pés son iguais. Sabe perfectamente o dano que producen nos pés, xeonllos, pernas, columna vertebral, en todo o organismo, pero afirma: «Non convencería a unha muller de que non use tacóns». Sería inútil.

Coas mulleres xa se sabe. Son irracionais. Non atenden. Prefiren a moda á saúde. «Por campar, rabiar», dicían as avoas, e comezan xa de nenas. Fachendoso da corrección da pisada dos seus xogadores, calzados como é debido, as mulleres non son da súa incumbencia.

Falar do tema coas autoridades, para que? Obrigar a que fagan constar nos lugares de exposición e venda dos ridículos artefactos os danos que producen (como nas fundas de tabaco)? Non. Mellor é que vivan a súa dependencia. Que se machuquen.

Logo necesitarán operacións de xoanetes, de dedas en garra, de implantación de próteses de xeonllos, de cadeiras, e demais. Igualdade!? Xa está superada, din.