O mundo e o seu novo mapa político da incerteza

Andrés Precedo Ledo CRÓNICAS DO TERRITORIO

OPINIÓN

20 novs 2018 . Actualizado ás 08:25 h.

A incerteza estivo sempre asociada aos cambios da sociedade pero agora a súa influencia na eco?nomía é maior. Cando os factores de incerteza multiplícanse e fanse incontrolables ou o control é difícil, o equilibrio do sistema reséntese. Creo que é o que está a ocorrer agora. O mapa económico mundial da globalización habíase simplificado e, sobre el, uns poucos operadores, cada vez menos, deseñaban as súas estratexias. Os avances tecnolóxicos eran os factores de apertura e ampliación do sistema. Nese marco, o capitalismo global avanzaba cara a unha acumulación continua do capital e con ela da innovación e do talento. As teses de R. Florida achegaron unha especie de catecismo global para as grandes metrópolis: o soporte espacial do sistema.

Ao mesmo tempo, unha redistribución da participación nas ganancias do sistema fixo que moitos estados acadasen novas cotas de benestar; pero, en contrapartida, as desigualdades sociais aumentaron. A arquitectura do benestar rachouse, e nos vellos países industriais a clase media, seguro firme da democracia, entrou nunha fase de empobrecemento; mentres, as novas clases medias de Asia principalmente, atraen o consumo global, pero tamén emerxen como unha ameaza ao poderoso capitalismo de estado. A resposta son os novos sistemas de control social apoiados na tecnoloxía. É o caso de China onde a liberdade persoal pode quedar anulada por un novo totalitarismo baseado no control social e persoal de estado a través dos big data. A distopía, como utopía indesexable, pasa da ficción á realidade. E se a todo iso engadimos o drama do as inmigracións masivas de quen só buscan vivir mellor, ou mesmo vivir sen máis, temos un debuxo aproximado do novo mapa da incerteza.

Neste marco, e tras os excesos do capitalismo global, emerxen os factores políticos de ruptura: os populismos neomarxistas e neofascistas, os radicalismos nacionalistas e xenófobos ou os proteccionismos económicos, e a unha orde política herdada sobreponse unha radicalización das ofertas electorais e a prevalencia dos valores verdes, que configuran as novas maiorías. Algúns exemplos: o novo nacionalismo proteccionista de Putin e Trump, a ultradereita do Brasil e de Centroeuropa, a ofensiva mundial do capitalismo de estado de China , e algúns nacionalismos endóxenos, como Venezuela, ou o caso de Bolivia. A caída de Merkel, o brexit ou os populismos do sur son o correlato europeo do cambio.

Como sempre foi, nas etapas de transición as incertezas aumentan e a dificultade de controlalas adoitan levar a un aumento das tensións internacionais co consecuente efecto no mapa económico global. E xorde esta pregunta Imos a un mundo máis global ou estamos facendo un mundo menos global? Cada un terá a súa resposta. Se, como dicía George Soros, o capital dá liberdade, habería que concluír que a acumulación selectiva do mesmo redúcea. E a historia ensínanos que a falta de liberdades e o aumento das desigualdades foron sempre desencadenamentos dos movementos sociais máis decisivos. Mesmo en China deberían sabelo.