Antonio meteuse unha raia

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

OPINIÓN

20 novs 2018 . Actualizado ás 17:28 h.

Falar ben de Cóntame a estas alturas da película non é novo, houbo grandes momentos en toda a súa longa traxectoria, pero dicir, 17 anos despois de que se estrease, que xerou unha das mellores escenas da televisión é para sacarse o chapeu. Sucedeu o xoves pasado e a moitos dos espectadores colleunos desprevidos, acostumados como están a que todos os que compoñen a serie sempre teñan o listón alto. Con todo, a escena do capítulo da semana pasada foi brutal, case se podería cualificar dunha pequena gran obra de teatro con só dous actores, Imanol Arias e Ricardo Gómez. Ou o que é o mesmo, Antonio e Carlos Alcántara, pai e fillo, definindo cunha emoción desbordante o que supón na vida ter eses dous papeis principais e tan difusos. Nos poucos metros cadrados dun cuarto de hospital os dous conseguiron cravar cada unha das liñas do guion de altura desa larguísima escena que supuxo outro fito para a serie. E non porque se viu a Antonio Alcántara meterse unha raia de cocaína para entender o que está experimentando o seu fillo Carlos. Ese é un mero detalle da parte do drama, é case o de menos, o de máis é o vínculo intenso de dous seres desnortados e acovardados na intemperie do medo; no pavor de perderse para sempre. O de máis é esa relación intensa que traspasa a pantalla entre ambos, a que a xente sente que de verdade existe entre ese pai que é Imanol e ese fillo que é Ricardo. Todo un tándem de luxo que o xoves fixo historia da televisión.

 Máis información