Fracaso por aburrimento

OPINIÓN

22 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Seguro que son múltiples as causas de fracaso escolar. Pero, entre elas, paréceme que está o aburrimento, que, á súa vez, ten moitas razóns que o xustifican. Hai unhas semanas, neste xornal, unha docente sostiña que os alumnos ían a peor. Pero a peor van moitas outras cousas, sen a menor dúbida. A desmotivación leva ao aburrimento, pode levar á adición, á agresividade e á depresión.

Un alumno ten abertas hoxe múltiples posibilidades de entrar nunha sensación de futilidade, de non verlle sentido á súa vida e ao seu futuro, e así o demostran as evidencias empíricas, como xa no seu tempo nos ensinou Viktor E. Frankl. Moitas veces a desmotivación xa se inicia na familia, contribúe a ela o ambiente social que padecemos, así como as escasas posibilidades de desenvolvemento da propia personalidade.

Custa admitir que, xusto na época da vida máis aberta a todas as posibilidades de desenvolvemento da creatividade, se apodere de moitos alumnos o aburrimento, a idea de futilidade dos estudos, o desistimento. Uns abandonan e outros seguen, pero sen crer moito na tarefa, que é outra maneira de frustración. Unha pedagoxía falla se non é quen de espertar a creatividade dos alumnos, se non sabe inculcarlles o amor polo saber, pola cultura, polo espírito crítico. Porque de saber facelo non habería aburrimento, nin desmotivación, nin idea de futilidade.

Pode que fallen moitas outras cousas e a suma de todas sexa complexa. Non é certo, como sinalaba a docente aludida, que os alumnos sexan peores cada día. Certo que moitas cousas os afastan do estudo, distraéndoos con trebellos e outras futilidades. Pero iso non abonda para xustificar a desmotivación, o aburrimento e o desistimento.

Algo máis haberá que sumarlle a aquela proposta, aínda que fose certa.

Unha pedagoxía falla se non é quen de espertar a creatividade dos alumnos, se non sabe inculcarlles o amor polo saber e o espírito crítico