O informe «PIPA»

Javier Guitián
Javier Guitián EN OCASIÓNS VEXO GRELOS

OPINIÓN

22 oct 2018 . Actualizado ás 08:52 h.

O pasado venres escoitei os discursos dos premiados na edición dos Premios Princesa de Asturias. Gocei coa paixón polo mar de Sylvia Earle, coa lucidez do profesor de Harvard Michael J. Sandel e coa coraxe de Alma Guillermoprieto. Seguín con atención, tamén, a Martin Scorsese, figura indiscutible do cine contemporáneo, quen afirmou: «As películas de Luis Buñuel están máis vivas e son máis actuais que os chíos». En resumo, pasei un bo intre gozando da fortaleza e o compromiso profesional de todos os que interviñeron, pero, o meu gozo nun pozo, á cerimonia de entrega dos premios seguiu un telexornal no que a noticia central eran as declaracións da exministra García Tejerina sobre a educación dos nenos españois e as posteriores reaccións.

Vaiamos ao asunto. Ao parecer a exministra afirmou: «En Andalucía o que sabe un neno de dez anos é o que sabe un de oito en Castela e León»; polémica afirmación, sin duda, na que a ministra se reafirmou baseándose no Informe PISA. Non son un experto na cuestión, pero, polo que lin, o citado informe non se refire a nenos desas idades senón que avalía as capacidades en determinadas áreas de nenos de quince anos (cuarto de ESO). En caso de referirse a nenos desas idades debería consultar o informe TIMMS que avalía cada catro anos o rendemento en Matemáticas e Ciencias dos alumnos esa idade. Adicionalmente, a exministra debería ter en conta que neste informe os datos non están desagregados por comunidades autónomas e, xa que logo, non pode soster o que dixo.

Pero se García Tejerina se coou, máis sorprendente foron as reaccións de Susana Díaz e de membros do Partido Popular andaluz. Dixeron que son «declaracións supremacistas», que «os nenos andaluces non son menos intelixentes que a media» e que todos os nenos andaluces son «un dez», como os de Castela e León, supoño.

Estes argumentos, propias da idade dos nenos avaliados, non fixeron máis que pór de manifesto a súa absoluta ignorancia sobre o tema, ao confundir un método de avaliación do sistema en que os nenos son educados coa intelixencia dos nenos.

Todo isto me suxeriu dúas cousas. A primeira é a necesidade de avaliar as capacidades e aptitudes dos nosos políticos mediante unhas probas similares ás do informe PISA. Chamariámoslle o informe PIPA (Programme for International Politicians Assessment) e coa súa axuda obteriamos información valiosa sobre o nivel intelectual e a capacidade de comprensión lectora da nosa clase política. Os resultados serían demoledores, tanto en conxunto como desagregados por comunidades autónomas.

A segunda, sin duda máis importante, é que Sylvia Earle ou Michael J. Sandel, por citar só a dous deles, son os verdadeiros referentes sociais do noso tempo, cunha solvencia intelectual que contrasta coa banalidade, os tópicos e os chíos de moitos dos nosos políticos.

Só agardo que o sistema educativo público logre que os nenos andaluces e castelán leoneses saiban diferenciar entre a fortaleza moral dos premiados e a debilidade intelectual dos políticos actuais.