O abrazo sonoro

Tamara Montero
Tamara Montero CATRO VERDADES

OPINIÓN

22 oct 2018 . Actualizado ás 08:49 h.

Está sempre aí. No aroma da cafetera ao lume mentres o mundo aínda é dese azul matutino e os pensamentos ábrense paso a base de bostezos. Nos nervios que espertan o peito xusto antes de iniciar unha viaxe pintada de expectativas que ás veces non se cumpren. E outras superan calquera imaxe bosquejada na cabeza. No vapor con cheiro a infancia que despide a pota e no tintineo da louza cando se vai despregando na mesa. Na agulla cravándose sutilmente no dedo porque o dedal, que ten ínfulas de armadura indestructible, de traxe de superheroe, funciona como instrumento de tortura nese esforzo por aprender dunha vez por todas a coser. Nos últimos lategazos de consciencia cando todo é outra vez negro e o libro que aínda así intentas devorar vaise facendo borroso, lentamente, ata desvanecerse por completo tras as pálpebras. Estivo sempre aí. De feito, segue aí. Constante. Tenaz. Moitas veces nin sequera faise presente. Habita nun subconsciente denso, con textura de xel. Só aparece cando xa non está. Un baleiro. Un buraco negro. Un silencio desagradable, pesado, pegañento. Insoportable. O consolo, que antes chegaba virando unha roda en frecuencia modulada, é agora unha aplicación móbil. Un neoloxismo. Un catálogo interminable de abrazos sonoros. Máis radio, por favor. Aínda que agora se apelide podcast e non transistor.