Xustiza climática

Francisco Díaz-Fierros Viqueira LIÑA ABERTA

OPINIÓN

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O pasado 9 de outubro o Tribunal de Distrito da Haia rexeitou a apelación que o Goberno holandés tiña presentado contra a resolución do 25 de maio do 2015, para que rebaixase as súas emisións de gases de efecto invernadoiro como mínimo un 25 % para o ano 2020. Esta decisión do tribunal holandés era a resposta que lle daba á demanda presentada no 2013 pola organización cívica Urgenda, en representación súa e de 886 cidadáns máis. Este feito, sen precedentes na loita contra o cambio climático, supón para moitos analistas o comezo dunha nova etapa, na que os tribunais están a facerse sensibles e tentan atopar respostas a esta vaga crecente de reivindicacións cidadás a prol dun planeta climaticamente máis seguro.

Pero non é o único proceso xudicial en marcha, xa que neste mesmo mes, para o día 29, está prevista no Tribunal de Distrito do estado de Oregón (EUA) a vista da causa «Juliana contra os Estados Unidos», na que Juliana Kelsey e outros vinte mozos e adolescentes demandan ao Goberno federal por violar os seus dereitos constitucionais sobre o goce dun clima saudable no futuro. Iniciada no ano 2015 con Obama, conseguiu superar todos os atrancos que lle puxo a administración negacionista de Trump, e nestes momentos é unha das causas que se agardan con máis expectación nese país tan proclive e afeccionado aos procesos xudiciais de resonancia mediática.

E máis preto de nós, en Portugal, diante da traxedia dos incendios do ano pasado, estaría a causa que presentaron seis nenos no Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos contra os 47 países que máis contaminan a atmosfera. Poderíase seguir coa multitude de procesos xa iniciados por todo o mundo, desde a India a Uganda, pasando polo Reino Unido, Irlanda, Bélxica, Noruega, Colombia, etcétera, para demostrar que se está diante dun movemento global que, dalgún xeito, podería considerarse como un intento, por parte da acción cidadá, de atar máis en curto moitos dos cabos soltos e das indecisións que ficaron dos acordos sobre o clima no Cumio de París (COP 21).

En todas estas demandas latexan e invócanse, con máis ou menos intensidade, os principios de prevención e precaución contra os efectos nefastos xerados polas alteracións climáticas debidas ás actividades humanas. Os coñecementos científicos teñen normalmente a última palabra definindo o grao, a extensión e tamén a certeza ou incerteza destas alteracións. Pero, sobre todo, vai ser o principio de responsabilidade, esa norma ética que Hans Jonas, do que neste ano se cumpren os vinte e cinco do seu pasamento, soubo definir e presentar do xeito máis convincente.

A inmensa capacidade actual da técnica de interferir nos procesos naturais debería moderarse co principio ético de obrar sempre baixo unhas condicións que «sexan compatibles cunha vida auténtica sobre a Terra», sobre todo con relación a esas xeracións vindeiras, que tan simbolicamente se fan visibles e se manifestan neses mozos e nenos que asinan demandas contra os gobernos do mundo, que non son quen de garantirlles para o seu futuro unhas condicións climáticas mínimas.