Porfíaa do salario

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Imos ter que facer un máster pola Universidade Rey Juan Carlos, deses sen traballo final e sen asistencia, para chegar a comprender as peloteras que montamos neste país por cuestións máis propias do sentido común que da gresca. Levamos días porfiando pola pretendida subida do salario mínimo interprofesional a 900 euros, aínda sen saber ben se isto vai se é posible.

É o incremento do salario mínimo o problema da economía española? Pois parece selo pola importancia que algúns lle dan. O máster Casado irase a Bruxelas a pedirlle á Unión Europea que bloquee o acordo; unha UE cuxa Carta Social establece que o salario mínimo debe ser polo menos o 60 % do salario medio, o que situaría o español nos 1.126 euros. E unha UE na que Francia, Alemaña ou Reino Unido dispoñen dun salario mínimo que duplica ao español; e Irlanda, Holanda e Bélxica que supera esa duplicidade. E aínda así, hai quen se mantén en que os 757 euros españois actuais son máis que suficientes para vivir dignamente neste país co 30% da súa poboación en risco de pobreza.

Certo que con esta medida se iguala a capacidade salarial das empresas, que evidentemente non é a mesma, pero tamén se incrementan as recadacións á Seguridade Social nuns 1.500 millóns. E quen apelan á destrución de postos de traballo poden mirar a Alemaña onde a medida tivo o efecto contrario. Estamos en fase de catastrofismo permanente. A un paso de converternos en Venezuela, din, aínda que de levarse a cabo o incremento suporía un impacto orzamentario de 340 millóns, que son uns poucos máis dos que nos custou a Fórmula 1 de Valencia. Esa que o presidente Camps prometeu que non nos custaría nin un euro. O curioso da pelotera é que á medida se opoñen esas señorías tan patriotas que gañan 8,03 veces máis e os do FMI que se embolsan 40,47 veces máis que os asalariados españois. E que son os mesmos que nos dixeron que gastabamos por amais das nosas posibilidades e que vivimos demasiados anos.