Piratas de Silicon Valley

OPINIÓN

23 oct 2018 . Actualizado ás 11:39 h.

A Coca Cola non podería existir sen Pepsi; os Beatles, sen os Rolling; Federer, sen Nadal... e Apple non sería o que é se en fronte non tivese a Microsoft. Ou viceversa. No caso das tecnolóxicas dáse un paralelismo curioso: ambas foron impulsadas por dúas personalidades cada unha, tan opostas entre si -en canto a carácter e forma de entender a vida e os negocios- como fundamentais á hora de pór os cimentos dun imperio partindo da nada. Unha simbiose milagrosa.

Se a compaña da mazá tiña a Steve Jobs e Steve Wozniak, o xenio da mercadotecnia e o nerd introspectivo e xenial que ensamblaba circuítos; Microsoft contaba con Bill Gates e Paul Allen. Un, a personalidade pública, que daba a cara ata nas fotos da Policía cando era detido por exceso de velocidade. Outro, o home entre bastidores, que tamén escribía código pero prefería non aparecer nos créditos, aínda que non se esquecía de dar o número da súa conta corrente: Allen, a diferenza de Gates, entregado á filantrópica tarefa de acabar coa malaria, gozou da vida ao máximo. Era propietario dun dos maiores superyates do mundo, o Octopus, de 126 metros de eslora; comprouse un equipo da NBA, os Portland Trail Blazers; e investiu en centos de empresas, desde Dreamworks ata o vehículo espacial SpaceShipOne.

Algo máis unía a Bill e a Paul, e tamén a Microsoft e a Apple. A súa capacidade para detectar as oportunidades antes que os demais. Os primeiros fixérono cando lle venderon a IBM un sistema operativo comprado por 50.000 dólares e ao que lle cambiaron o nome, coa única condición de recibir un royalty por cada computador no que se instalase. Os segundos, coa súa famosa visita ao Xerox PARC, onde birlaron á firma de fotocopiadoras a interfaz gráfica de usuario. Eran Piratas de Silicon Valley, como conta a película, pero tamén eran uns tipos que aprenderon a programar e deseñaron o futuro.