A parte política do recibo

Fernando Blanco Parga EXDEPUTADO DO BNG EXPERTO EN ENERXÍA

OPINIÓN

MONICA IRAGO

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cal é a parte dun recibo eléctrico que depende de decisións políticas? Esta é unha pregunta na que non hai consenso no sector. Persoalmente considero que todo o recibo é consecuencia de decisións políticas, mesmo o denominado mercado marxinalista (35 % do recibo), que, por diferentes razóns, está subindo estes meses e que retribúe a todas as tecnoloxías por igual, sempre ao prezo máis caro.

Pero si hai consenso en considerar que as peaxes (40 % da factura) e os impostos (25 %), son claramente do ámbito político.

Nas peaxes, ademais da retribución ao transporte e á distribución, actividades propias do sistema, tamén pagamos decisións de política industrial: primas a renovábeis, interrompibilidade ou pagos por capacidade; e de solidariedade interterritorial: sobrecustos extrapeninsulares de Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla. Estas partidas de miles de millóns de euros poderían ser sufragadas polos Orzamentos do Estado e non polo recibo eléctrico, sería máis xusto socialmente; na factura non se considera a nosa renda e, pola contra, os impostos conforman os Orzamentos. Por que non se fai? Pois para non aumentar o déficit público e, tamén, porque a maior custe da luz, maior recadación fiscal.

A fiscalidade é a terceira pata do recibo, cun imposto especial da electricidade do 5,1 %, e un IVE do 21 %, unha dobre imposición, superior á media europea. As corridas de touros teñen un IVE do 10 %. Se a luz é un ben básico, non podería ter o tipo superreducido do 4 %? En Canarias, que ten un réxime fiscal diferente, é do 3 %.

Tamén son decisión política os suplementos territoriais da tarifa eléctrica, que se aplicarán entre abril do 2019 e abril do 2020; o País Vasco, Baleares e Canarias non pagarán nada; Madrid, 2,4 millóns, e Galiza, 38.