A maternidade subrogada

Anxo Guerra Sierra FIRMA INVITADA

OPINIÓN

FUCO REI

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O 24 de maio de 2017, La Voz de Galicia publicou unha entrevista a Vicente Bellver Capella, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Valencia e membro do Comité de Bioética de España. Bellver impartiu a conferencia A xestación por substitución: aspectos xurídicos e éticos en Santiago, invitado pola Asociación Galega de Bioética (Agabi). A conclusión desa conferencia, en liña coa opinión do comité ao que pertence foi: «A regulación actual da maternidade subrogada en España, que a considera nula de pleno de dereito, constitúe unha resposta adecuada. E debe conseguirse que esa norma se faga efectiva para aquelas xestacións por substitución que levan a cabo no estranxeiro, e constitúen unha fraude de lei».

O 27 de xuño de 2017 Cidadáns presentou no Congreso unha proposición non de lei, rexeitada polo resto de grupos parlamentarios, que abriu o debate sobre os ventres de alugueiro na area política española. O espiñento tema quedou en suspenso, aínda que non paralizado. O 13 de setembro de 2018, a nova ministra de Sanidade, María Luisa Carcedo, pouco despois de tomar posesión do seu cargo, declarou: «Hai que tomar decisións internacionais e declarar ilegais [estas prácticas]». Carcedo equiparou a xestación subrogada co tráfico de órganos e de menores.

Máis aló das cuestións xurídicas que afectan á regulación vixente nestes momentos en España e ao modo en que debe ser aplicada, en opinión de Agabi neste delicado tema exponse un problema de fondo: é correcto ou non permitir a maternidade subrogada en determinadas condicións nas que se asegure a non explotación da gestante, é dicir, en casos de maternidade subrogada altruísta? Como biólogo, e baseado nos máis recentes estudos sobre a influencia epigenética (fisiológica e psíquica) de «a nai certa» da criatura en xestación (a xenética pode proceder total ou parcialmente da parella deseante), sustento que a realidade é moi teimuda, e que entre o bebé e proxenitora establécese un vínculo materno-filial durante o desenvolvemento tan estreito, que a súa ruptura é antinatural. En consecuencia, en Agabi mantemos a idoneidade das mulleres que paren para exercer como nais dos seus fillos. A xeneralidade dos sistemas xurídicos ao longo da historia acordou que debía manterse a continuidade entre a maternidade xenético-fisiológica e a legal.

Fronte a este principio, esgrimiuse nos últimos anos outro que sostén que a vontade procreativa do individuo é a que lle habilita para ser pai ou nai. As bases biolóxicas da procreación serían, desde ese punto de vista, irrelevantes para determinar a idoneidade para ser pai/nai. Pero realmente pódese pensar que o desexo sen xestación é un título suficiente para ter un fillo? Nas adopcións non se trata de satisfacer o presunto dereito dun individuo ou unha parella a ter un fillo senón o dereito do fillo a ter unha familia. Como sinalou Bellver na citada conferencia: «Pódese pensar que privar a un neno do vínculo afectivo coa muller que lle xestou supón infligirle un dano que non se xustifica por satisfacer o desexo de ser pais daquelas persoas que non poden xestar. Recoñécese que a relación prenatal e postnatal coa gestante é unha garantía do bo desenvolvemento do bebé. Durante o embarazo a muller vaise preparando fisiológica e psicoloxicamente para desempeñar o seu papel de nai. Tras o nacemento, o bebé séntese moito máis seguro se mantén o contacto pel con pel coa súa nai, se se alimenta do leite materno, se segue escoitando os sons que lle son familiares do embarazo. Que as orixes biolóxicas do neno estean vinculados á nai que o cría constitúe un ben fundamental para a súa identidade e desenvolvemento».

Hai quen sosteñen que ese ben é relativo, e que a vontade procreativa constitúe un dereito básico do individuo, e que esa vontade é moito máis decisiva para garantir o bo desenvolvemento do neno que a existencia dun lazo biolóxico con el. No caso de que se dea por boa esta argumentación aínda haberá que vencer outra dificultade importante: o risco de explotación da muller gestante, mesmo aínda tratándose dunha acción altruísta, pois son poucos os que dubidan de que a maternidade subrogada levada a cabo no estranxeiro adoita dar lugar a explotación e comercio dalgún tipo.

Que hai moitas mulleres dispostas a xestar libre e desinteresadamente por outros? Que a gestante está exercendo o poder de autonomía sobre o seu corpo? Son asuntos moi discutibles. Agora ben, é respectuoso coa dignidade humana pedir a unha muller que xeste para outro, e someta o seu corpo durante nove meses aos criterios dos que fixeron o encargo de xestarlles «o seu fillo»? Hai razóns para pensar que este escenario se parece máis a un contrato de servidume temporal que á prestación dun servizo.

Se é unha parente a que se ofrece a iso, non se atoparía o neno cunha dualidade de lazos de parentesco, que non resultaría nada beneficiosa para o seu desenvolvemento: a nai biolóxica podería ser, ao mesmo tempo, a avoa legal, ou a tía legal. Pensar que ese estado de cousas resultará inocuo para o neno é, cando menos, demasiado aventurado. Aínda que a maternidade subrogada fose plenamente altruísta seguiría supondo unha cosificación do corpo da muller, unha separación antinatural da nai real e do seu fillo, e a utilización dun bebé «fabricado» para satisfacer un desexo.