Mala sorte?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Pasa correndo todas as mañás á mesma hora pola praza. As mallas negras, os deportivos técnicos, un top vermello e o cabelo castaño recollido nunha coleta. Teimo en pensar que hai algo rítmico nas zancadas coas que se achega dende o fondo da rúa, escoitando a música que se acubilla no móbil que leva atado no brazo. Sempre percorre soa a rúa, e decote dá a sensación de que é ela, co seu paso firme, quen vai apagando os farois co amencer e facendo voar centos de paxaros coa súa frescura.

Sería un crime perfecto. Se tes ganas de matar, poste aí, acoitélala, liscas, déixala tirada sangrando no chan co corazón esmorecendo mentres a música segue peteirándolle os tímpanos, coma esa moza golfista española en Iowa. Estrangulala sería máis lento e pode pasar calquera, a verdade. Non dá tempo a violala. Matala si. Matar tamén serve se se trata dese pracer irracional de ter o poder total sobre ela, á que non lle daría tempo de decatarse de que a matan. Nin sequera unha testemuña desde a miña ventá lograría velo. Hai moitas árbores, coches aparcados. Si. Sería un crime perfecto. Unha muller soa e alguén con ganas de matar mulleres.

A familia da moza que pasa correndo todas as mañás á mesma hora atopará un consolo estúpido na mala sorte. Un asasino. Unha moza soa. Vítima aleatoria, di o fiscal, estas cousas pasan. Tíñaa alí. Se fose outra. Se non pasase. Se non correse sempre á mesma hora polo mesmo sitio. Se. Pero eu, que a vexo todas as mañás enchendo de vida a rúa baleira, sei que non é mala sorte, senón ser muller. Aos tíos que corren sós non van por aí matándoos sen motivo, nin aquí nin en América. Isto de matar mulleres si que é un deporte global.