(Deas)Esperanzas ante o século XXI

OPINIÓN

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A sociedade enfróntase ante o dilema dunha aposta entre as actuacións instantáneas e a análise de escenarios de futuro. Trump é o exemplo das primeiras; Europa, o das segundas. As implicacións que iso supón son coñecidas. Dunha parte, o nacemento dun nacionalismo en solitario; a urxencia de conflitos permanentes; e a exacerbación do individualismo. Doutra parte, a auscultación permanente de dinámicas de cambio e de transformación para poder asentar tendencias sólidas e sostidas.

Publicáronse dous estudos sobre o futuro. O primeiro, da autoría da americana Amy Webb, sobre as posibles accións e escenarios derivados dun cambio nas tendencias tecnolóxicas. Céntrase no estudo de 225 tendencias de alcance medio e internacional relevantes. Comenta que unha tendencia é como manifestación de cambio sostido dentro dun sector da industria, sociedade ou o comportamento humano, que ten en conta as necesidades e os desexos humanos básicos, e que contribúen a aliñar a natureza humana coas innovacións e as tecnoloxías. Subliña varias ideas de cara ao século XXI. Estaremos en éraa dos dispositivos conectados, que manexaremos con voces, xestos ou tacto; as tecnoloxías incluirán os sistemas de aprendizaxe profunda e automática; estará en marcha uns ecosistemas de intelixencia artificial, dotados de moitas aplicacións comerciais; no canto de apostar por unha soa tendencia; as organizacións deberán buscar as conexións entre as tendencias existente; haberá tensión entre privacidade e seguridade; a descentralización será clave e existirán provedores de servizos mediante o uso de redes privadas e peer-to-peer; e continuarán fusionándose tanto as start?up como os medios informativos. Predominarán tendencias que levan implícita a simplificación dunha realidade complexa. En consecuencia, os graos de adopción variarán atendendo á capacidade que posúa unha rexión ou un país para integrarse nas apostas globais. Chama a atención, no estudo de Webb, que existan tendencias que non son tecnolóxicas; senón doutro tipo, como as de renda básica universal, leis de privacidade, de neutralidade de rede, ou de doxing organizacional.

O segundo informe é do israelí Yuval N. Harari, co seu libro 21 Leccións para o século XXI. Aínda que hai un exceso de especulación, poida que algúns dos escenarios que se debuxan teñan lugar dentro dun ou dous séculos. Explora campos como a desilusión; a guerra; a inmigración; a post-verdade; a ciencia-ficción; a meditación; o nacionalismo; o populismo ou a relixión. Achéganos dous consellos: «pague un prezo considerable por unha información fiable e lea aquelas investigacións científicas relevantes». Non cabe dúbida que Galicia necesita substituír as formulacións dogmáticos por patróns de comportamento abertos. Temos que saber explorar pautas que nos permitan incrementar a capacidade de absorber os coñecementos postos á nosa disposición co obxectivo de ser máis hábiles á hora de predicir as nosas vidas e adoptar as decisións máis eficientes e sostibles.