A culpa é de Faraday

Manuel Luis Casalderrey
Manuel-Luis Casalderrey RECUNCHO ABERTO

OPINIÓN

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A culpa de que o prezo da electricidade estea polas nubes é de Michael Faraday e por varias razóns. En primeiro lugar porque Faraday descubriu que un campo magnético variable xera corrente eléctrica. Se achegamos ou afastamos un imán nas proximidades dunha bobina de fío condutor, indúcese na bobina unha corrente eléctrica. Así se produce a electricidade nas centrais eléctricas. Nas hidroeléctricas, é a auga lanzada desde a presa ata as turbinas-alternadores a que produce o xiro dun imán que xera correntes inducidas nas bobinas. O vapor de auga causa o movemento necesario para xerar electricidade nas centrais térmicas e nucleares. Nas eólicas, o causante é o vento.

Faraday tamén é culpable porque, na presentación pública do fenómeno de indución magnética, un ministro preguntoulle polas posibilidades prácticas da electricidade. Din que Faraday contestou: «Un día, señor, poderá vostede pórlle impostos». Faraday deulle a pista. Desde entón os gobernos non pararon de pór impostos á electricidade. Son tantos que o Executivo actual permitiuse suprimir un deles.

Creo que non é o mellor camiño para solucionar o problema do prezo da electricidade. Aínda que estamos nun mercado libre, debería arbitrarse un procedemento legal para limitar as ganancias de todas as empresas que inflúen no prezo da electricidade.