Alzhéimer

Cristina Pato
Cristina Pato A Arte DÁ INQUEDANZA

OPINIÓN

Agostiño Iglesias

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Maruxa preguntou «esa árbore que tes aí plantada, que é?», e eu respondinlle cun «Ginkgo biloba, a árbore da memoria que che plantou a túa neta». Entón a Maruxa escachou coa risa, e con bágoas de ledicia (creo) dixo «pois non debe de ser moi boa porque sempre che estou a preguntar o que é».

Hoxe é o Día Mundial do Alzhéimer. Durante todo este mes as organizacións vencelladas aos diferentes tipos de demencias tentan achegar á sociedade a situación e a problemática relacionada coa enfermidade. A Organización Mundial da Saúde lanzou hai un ano o plan de acción mundial sobre a resposta de saúde pública á demencia 2017-2025, cunha visión moi sinxela: «Lograr un mundo no que (...) as persoas con demencia e os seus coidadores vivan ben e reciban a atención e o apoio que precisan». A primeira das súas sete liñas de actuación é «a demencia como prioridade de saúde pública» e a segunda «a sensibilización e adaptación á demencia». Os datos son angustiosos, tanto a nivel global como local: na nosa Galicia avellentada é unha enfermidade coa que convivimos acotío, pero, se a OMS puxo un plan de acción en marcha para reducir o impacto da demencia na sociedade, entón coido que, como sociedade, debemos seguir empurrando para que aparezan políticas de axudas dignas para os familiares e os enfermos.

Son a pequena de catro irmás. Se afrontar a demencia da nosa nai foi duro para nós, non podo imaxinar como é para os que non teñen oito mans na casa para axudar. Esa é a obriga das nosas institucións: apoiar, financiar, axudar e cumprir coa sinxela meta da OMS: que as persoas con demencia e os seus coidadores «vivan ben e reciban a atención e o apoio que precisan».