Por que che quero tanto...

Ramón Pernas
Ramón Pernas NORDÉS

OPINIÓN

18 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Así, mais ou menos, comezaba a copla que cantaba Portugal, e preguntábase dúas estrofas mais adiante as razóns que compendiaba en varios ítems. Non lembro ben se era a canción Estudiantina portuguesa ou se é un fragmento dunha revista de Celia Gámez. Eu fago miña esa tese declarando a miña filiación lulista e proclamando con Teixeira de Pascoaes, esquecido escritor decimonónico nado en Amarante, e formado como avogado en Coimbra antes de xestionar saudades no Porto, que nós os galegos «nãou somos irmãvos, somos vos mesmos». Sentimento que comparto cada vez que visito Portugal.

E celebro a súa capacidade para reinventar un crecemento armónico para superar a visita dos homes de negro cando decretaron que o país estaba en crise, a súa recuperación de Lisboa, antiga e señorial, a cidade perfumada con canela e na que se pode aprehender a luz das amencidas, a pesar da tolemia especulativa na que se instalou. Lisboa cheira a roupa limpa tendida á brisa dos barrios altos, como bandeiras ondeantes.

Un novo Portugal está aí ao lado, tomado polo turismo depredador, que todo o coloniza e o pervierte pero que en cambio xera riquezas demandadas para superar caídas económicas recentes.

Fun este verán, tras os pasos de Torga, estiven na melancólica Coimbra de agosto, con memoria universitaria en cada unha das fachadas que miran ao Mondego, visitei O Porto con espírito de turista, de guiri, facendo cola na librería Lello para comprar un libro do desasosego que reunise unha antoloxía de Pessoa e de Ricardo Reis e outros heterónimos, tomei un café e unha copa de xeado no Majestic imaxinando as páxinas do Crime do pai Amado xunto a un virtual Eça de Queiroz, e deixei levarme como nun barco que navega o Douro e mece coas súas ondas o libro infinito da miña nostalxia.

Outro Portugal está a ser posible cun goberno de pluralidades esquerdistas e unha cabal presidencia da República.

Facendo esforzos ímprobos por situarse á vez que España, realizando malabares cunha economía con demasiados desaxustes que reivindica para o ano próximo un salario mínimo de seiscentos euros nun universo de soldos ochocientoseuristas.

O camiño está trazado, o esforzo esta sendo solidario, o Portugal das novas cidades cruzado por tres ríos fundacionais, o Texo, o Guadiana, o Douro. Portugal atlántico vixiante de todos os ventos, terras de viño e pan levar desde o Alentejo a Tras móntesvos gardando nun recodo do camiño, onde dá a volta o aire, a caixa nutricia, a memoria do rei don Pedro onde se oculta a cartografía secreta das saudades. Ai Portugal, por que che quero tanto...