¡Perigo!, Canarias

ines rei SUMMER DAYS

OPINIÓN

13 ago 2018 . Actualizado ás 10:44 h.

Non sei por que, pero as vacacións son sempre fonte de conflito. Xa o dixo Tolstói: «Todas as familias felices se parecen unhas a outras, pero as infelices vanse de vacacións en agosto». Ou algo así. O caso é que despois de sete anos sen vacacións fose do termo municipal, hoxe collemos un avión para escaparnos unha semana á praia. O meu marido, que non cambiou o chip das viaxes de solteiro, prepara unhas mochilas estupendas. «Aquí enganchamos o saco e a esterilla e todo listo». «Moi ben, fenómeno, pero ímonos a Canarias cos nenos, non a escalar o Himalaya», dígolle mentres desfago as mochilas e escondo as botas de Trekking. Cando chegamos ao aeroporto, descubrimos ao comité de despedida facendo cola no mostrador de facturación. «Estamos a gardarvos o sitio», di o meu pai, «como sempre chegades tarde a todo…». Os teus pais, que che mandaban un mes a Irlanda con 14 anos sen teléfono móbil nin Internet, agora perséguenche polo aeroporto por se non sabes cal é a porta de embarque, non vaia ser que no canto de aterrar en Forteventura aparezas en Burkina Faso. En momentos así penso que nos ven bobos, moi bobos, coma se reproducímonos porque nos secabamos coa mesma toalla ao saír da ducha.

A despedida dura ata o último aviso de embarque para os señores pasaxeiros. «Tróuxenche isto», o meu pai mete un sobre na miña mochila. Hame impreso unha listaxe de destinos perigosos, recomendacións de seguridade para desprazamentos internacionais e a guía da OMS para viaxar con nenos. «Papá, que me vou a Canarias». Polo si ou polo non, dime. Consigo relaxarme cando xa estamos sentados no avión e non hai rastros de avós na cabina. Unha semana de relax e desconexión, sen estrés, sen abafos, sen… Falta moito?, preguntan os meus fillos. ¡Xa empezamos!