O diñeiro nin se crea nin se destrúe

Rubén Santamarta Vicente
Rubén Santamarta VECIÑANZA

OPINIÓN

EFE | J.P.GANDULO

08 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Sucede nas relacións entre a Xunta e Madrid que as rosas se converten en espiñas minutos despois de cambiar a cor do carné do inquilino da Moncloa. Os calendarios que se daban por bos para o AVE cuéstionanse agora. O tarifazo na factura da luz que viña anunciando é un agravio. E agora o novo sistema de IVE furta 200 millóns á Xunta e a Feijoo faltoulle tempo -e ao seu secretario xeral no PP, tamén delicadeza- para sinalar á nova ministra de Facenda por «sisar» (o verbo empregado desde o Goberno galego) eses fondos.

Sucede que ese sistema de IVE implantouno un do seu partido: Cristóbal Montoro. É un procedemento que obriga a remitir información instantánea a Facenda con ese tributo e que puxo en moi serios aprietos ás empresas durante o ano pasado. Entón non se oíron queixas desde San Caetano.

Sucede que por un erro? (o interrogante é meu) naquel procedemento, as comunidades hanse quedado sen a súa parte correspondente do IVE do mes de decembro. E non é pouca cousa. En Galicia, con 200 millóns de euros podes subir o soldo a funcionarios, contratar máis persoal para a adelgazada sanidade pública ou levantar outro edificio na Cidade da Cultura; segundo as prioridades. O caso é que ese diñeiro non está.

Sucede tamén que nesta queixa Feijoo ten razón, aínda que equivoque a dirección do tiro. Tivo que ter reaccionado antes. Pero os tempos son os que son. E, a estas alturas, mirar a Montoro, en realidade, tampouco serve de moito.

Sucede que Feijoo non está só. Enténdese que lle acompañen os seus compañeiros de partido en comunidades que gobernan. Pero agora foi un barón do PSOE, nada menos que quen dirixiu a súa xestora, o asturiano Javier Fernández, quen asumiu ese discurso: non se poden perder eses fondos.

E sucede que, agora, Facenda, con este asunto, parece funcionar baixo a máxima do francés Antoine-Laurent Lavoisier: «A materia non se crea nin se destrúe, só se transforma». Di que pouco hai que facer, que xa se buscará como compensar. O certo é que esa devolución do IVE que agora se está escaqueando é incomprensible. E non, non debería ser unha batalla partidista.